Jorquera pide a comparecencia do Presidente de Renfe "polo desmesurado aumento" dos billetes de tren

Madrid, 3 Maio 2012. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, solicitou hoxe a comparecencia do Presidente de Renfe-Operadora para que explique a que se debe o “desmesurado” incremento das tarifas dos servicios ferroviarios de media distancia que comunican as cidades galegas.

Jorquera tamén rexistrou unha iniciativa parlamentar na que dirixe varias preguntas ao Goberno: “A que se debe un incremento tan significativo dos prezos, xusto no pior momento económico no que as maiorías sociais sofren a maior perda do seu poder adquisitivo que se lembra en décadas? É normal que se adopten decisións deste tipo que prexudican sobre todo a traballadores e estudantes? Vai o Ministerio a ter en conta o grave contexto económico para dar marcha atrás no aumento das tarifas de tren?”.

O deputado do BNG pón de manifesto que o prezo do billete en traxectos que comunican as principais cidades galegas como entre A Coruña e Vigo, aumenta 1,70 euros na denominada tarifa 4. Así, pásase dun custe de 14,90 euros a pagar 16,60 euros. “É dicer, estamos a falar dun incremento porcentual dun 12,85% no billete sinxelo”.

O aumento dos prezos, puntualiza, afecta a todas as tarifas como a 2 e tamén aos abonos que experimentan unha suba dun 5,74%. Jorquera subliña que este encarecemento dos billetes afecta a traxectos moi utilizados na Galiza como A Coruña-Santiago, Santiago-Vigo, A Coruña-Lugo ou Santiago-Ourense.

Constante perda de poder adquisitivo dos cidadáns

O portavoz do BNG no Congreso demanda ao Goberno que “conxele” as tarifas de tren dado o contexto de dura crise. E afirma que “aínda que o Goberno o pretenda disfrazar baixo todo tipo de eufemismos inintelixíbeis, a cuestión é que con este tipo de decisións, que se suman a outras moitas, estáse a encarecer o custe da vida coa conseguinte perda de poder adquisitivo dos cidadáns. Un camiño que leva á asfixia de moitas familias e cidadáns que están a padecer a aplicación inxusta de recortes económicos, ao tempo que se aumentan impostos indirectos, os prezos da luz, o gas..”.

Jorquera lembra que o aumento das tarifas para media distancia se ven a sumar ao problema, que xa foi obxecto de iniciativas do BNG, de que a implantación de novos servizos Avant conlevou a supresión de servizos prestados por trens convencionais entre A Coruña e Santiago en horas punta”.

O parlamentar do BNG demanda ao Goberno que “reflexione sobre a idoneidade de proceder ao aumento dos prezos dos billetes nun momento como o actual, con continuos ataques aos petos dos cidadáns”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]