O BNG logra o acordo unánime do Congreso para reclamar a débeda dos clubes de fútbol

Madrid, 28 Marzo 2012. O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, logrou un acordo unánime esta tarde na Comisión de Educación e Deporte do Congreso en relación á súa proposición non de lei sobre a débeda dos clubes de fútbol con Facenda e a Seguridade Social.

No acordo, ínstase ao Goberno a desenvolver as actuacións precisas para que clubes regularicen a súa situación e sufraguen a débeda que teñen contraída coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social. Ademáis, emprázase ao Executivo a presentar nun prazo breve o proxecto de Lei de Reforma do Deporte, e finalmente, a promover un diálogo coas ligas profesionais para a realización dun control orzamentario en aras a unha xestión máis eficiente.

“Non é normal que só a poboación faga sacrificios”

Jorquera lembrou que un ano e medio despois da moción do BNG aprobada no Pleno do Congreso sobre a débeda dos clubes de fútbol, a débeda ascendeu a máis de 762 millóns de euros, 752 con Facenda e 10,6 millóns coa Seguridade Social. Case 131 millóns máis que en 2008.

O deputado do BNG explicou que “só estou a falar da débeda contraída con Facenda e Seguridade Social, porque a débeda total, pública e privada dos clubes é unha bola de neve que non para de medrar”. Según algúns estudos, na tempada 2006-2007 acadaba 2.779 millóns. Na campaña 2008-2009, os vinte clubes de primeira sumaban unha débeda de 3.526 millóns. E hoxe diversos estudos sitúan esta débeda por riba dos 4.000 millóns.

Todo elo, puntualizou, “despois de que os plans de saneamento do fútbol español, que contaron coa colaboración dos poderes públicos, permitisen saldar unha débeda de 35.000 millóns de pesetas e recapitalizar aos clubes”.

Jorquera aludiu ás recentes afirmacións do Secretario de Estado para o Deporte, quen nunha entrevista sinalaba que “o Estado non ten a intención de pagar a débeda dos clubes de fútbol”. Mais o BNG se pregunta “que pensa facer o Estado para que os clubes salden a débeda?”. Porque, sinalou Jorquera, “o Goberno non pode actuar con condescendencia cos clubes futbolísticos, ten que tratalos como a calquer outro debedor”.

O deputado do BNG pón de manifesto que mentras aos particulares se lles exixe aportar unha garantía tanxíbel para aprazar a débeda con Facenda, aos clubes se lles permite facelo con futuríbeis de cobro como son as porcentaxes sobre taquilla ou os dereitos publicitarios. A consecuencia, remarcou, é que os clubes “pagan débeda antiga pero xeran débeda nova”.

Para Jorquera “resulta incomprensíbel que clubes que invisten cantidade millonarias en fichaxes, continúen a engordar a débeda, retrasando o seu pago”. Por iso, recalcou, pedimos que se estabelezan límites nos gastos de fichaxes e percepcións de xogadores. Uns gastos que deben estar condicionados ao equilibrio orzamentario dos clubes e ao cumprimento das obrigas con Facenda e a Seguridade Social.

O deputado do BNG subliñou que “resulta lamentábel que dos 32 clubes que en Europa se acolleron a concurso de acreedores, 31 pertenzan á Liga española”. Ademáis, argumentou á necesidade de protexer os dereitos dos futbolistas de clubes máis modestos que son unha das principais vítimas por padecer impagos nos seus salarios.

Jorquera considerou “inmoral que haxa máis de 5 millóns de parados e a poboación teña que facer grandes sacrificios mentras no fútbol profesional impera o despilfarro”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]