Jorquera advírtelle ao Goberno que "a dación en pago da vivenda non se pode confiar á boa vontade da banca"

Madrid, 23 Febreiro 2012. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, afirmou hoxe, en relación á proposta manifestada polo Ministro de Economía sobre os deshaucios por impago de hipotecas, que o que “ten que facer o Goberno é cambiar a lexislación hipotecaria e regular a dación en pago”.

Para o deputado do BNG, a proposta de De Guindos “é como deixar ao raposo a coidar das galiñas. Deben modificar a lexislación, non vale relegar todo á boa vontade da banca, non vale con remitir a un código de boas prácticas para que a banca o aplique voluntariamente atendendo a un código de boas prácticas”.

O portavoz do BNG no Congreso explicou que os nacionalistas galegos rexistraron unha proposición de lei na Cámara para que se modifique a Lei Hipotecaria e se contemple a dación en pago, ademáis doutras medidas.

Propostas do BNG: a dación en pago, a moratoria no pago, a transformación en contrato de aluguer ou a condonación parcial da débeda

Na súa iniciativa parlamentar, o BNG propón a admisión, en determinadas circunstancias, da dación en pago como forma de cancelación da totalidade da débeda hipotecaria. Noutros casos, avogan por seguer un proceso de negociación que conduza a solucións como unha moratoria no pago dos prazos pactados, acomodándoos á situación económica do afectado. Outra das propostas do BNG é a transformación da hipoteca nun contrato de aluguer con opción a compra ou a condonación parcial da débeda.

O obxectivo do BNG con esta iniciativa é o de “resolver un problema social de primeira orde con situacións moi difíceis de familias que se ven abocadas a abandoar as súas vivendas, e por riba, teñen que entregar a vivenda como pago da débeda contraída pero mantendo a débeda”.

Jorquera culpabiliza ás entidades financeiras desta situación porque “a súa irresponsábel política inmobiliaria no periodo de bonanza, unida á falla de control público eficaz, incentivou a expansión da concesión de créditos hipotecarios paralelamente ao engorde da burbulla inmobiliaria.”. O deputado do BNG puxo de manifesto que nese contexto se chegou a financiar até o 120% do valor das novas vivendas, con “cotas que incluso se podían pagar nalgúns casos en 50 anos”. Deste xeito, salientou Jorquera, orixinouse un vertixinoso medre do endebedamento familiar.

Hai que lembrar que o BNG leva anos loitando porque se rematen con este tipo de abusos que a día de hoxe afectan a miles de familias en todo o Estado. Sen ir máis lonxe, o 14 de xuño do ano pasado o pleno debatiu a proposición de lei do BNG con medidas como a dación en pago e outras como as explicadas anteriormente, máis foi rexeitada polos votos en contra do PSOE e as abstencións do PP, CIU e PNV.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]