O PP opónse á proposición do BNG en defensa das plantas de biodiésel, que contribúen á redución das emisións CO2

Madrid, 22 Febreiro 2012. A proposición non de ley do deputado do BNG, Francisco Jorquera, que demandaba a adopción de medidas para defender as numerosas plantas de biodiésel existentes no Estado, con importante presenza na Galiza, foi rexeitada debido aos votos en contra do grupo popular e de UPyD.

O deputado do BNG aceitou as emendas presentadas polo grupo socialista que unicamente poñían prazos, pero non aceitou a emenda do PP porque pretendía reducir todos os plantexamentos do BNG a “estudar a situación do sector do biodiésel”.

O biodiésel ten un importante peso na Galiza

Jorquera explicou aos membros da Comisión que a iniciativa do BNG pide que se atenda a grave crise do sector de produción das plantas de biodiésel, debido ás masivas importacións de biodiésel de Arxentina e Indonesia que constitúen unha situación de clara “competencia desleal”.
Tamén demanda a aprobación da Orde Ministerial feita en 2010 sobre este sector e que tivo o informe favorábel da Comisión Nacional da Enerxía (CNE). E finalmente, pediu diálogo co sector de produción de biodiésel para abordar os actuais problemas e buscar solucións xa que “falamos de enerxías que contribúen ao descenso das emisións CO2”. 

O deputado do BNG puxo de manifesto que as propostas do BNG procuran “a supervivencia do sector”. Sinalou que no Estado español existen 49 plantas de produción de biodiésel, cunha capacidade de produción de 4,3 millóns de toneladas ao ano, “ademáis de ter unha presenza importante na economía galega”. Subliñou que este sector investiu nos últimos anos 1.400 millóns, creou máis de 6.000 postos de traballo, así como traballos asociados.

Salientou a grave crise pola que atravesa o sector do biodiésel debido á competencia desleal de Arxentina e Indonesia. Explicou que estes países aplican un sistema de taxas diferenciais á exportación. Así en Arxentina a exportación de aceite de solla grávase cunha taxa do 32%, mentras o bidiésel producido a partir de aceite de solla soporta unha tarifa bruta do 20%. En Indonesia, o gravamen sobre a exportación de aceite de palma é do 25%, mentras o biodiésel producido con ese aceite só ten un gravamen do 10%.

Por iso, recalcou, é máis barato importar o producto transformado que importar as materias primas para transformalas no Estado. Isto provocou que as importacións procedentes dos países aludidos copara no 2011 o 60% do mercado español. A consecuencia foi que o sector español teña perdido xa máis de 3.000 postos de traballo. “34 das 49 plantas existentes no Estado están detidas e a maior parte están a funcionar a ralentí”.
Lembrou a necesidade de aprobar a Orde Ministerial do 2010, porque contemplaba a posta en funcionamento dun mecanismo de asignación de produción de biodiésel a fábricas comunitarias, e que estaría vixente durante dous anos prorrogábel a outros dous máis.

Jorquera instou a aprobar canto antes o proxecto de Orde Ministerial, que superara todos os trámites, “e desde o 7 de xuño de 2011, o proxecto está pendente de sinatura para o seu envío ao BOE e entrada en vigor”. De aí a urxencia de aprobar a Orde.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]