O PP vota en contra da proposición do BNG con medidas para o futuro do naval galego

Madrid, 21 Febreiro 2012. O PP negouse a transaccionar un acordo co portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, que contemplase cuestións concretas que o BNG plantexaba na súa proposición non de ley con medidas para o sector naval de Galiza, tanto o relativo aos estaleiros da Ría de Vigo como os públicos de Navantia na Ría de Ferrol. O resultado da votación foi: 130 votos a favor, 180 en contra e 17 abstencións.

O Pleno da Cámara debatía unha proposición non de lei de Jorquera, á que varios grupos parlamentares presentaron emendas, entre eles o grupo popular. O deputado do BNG considerou excesivamente ambigüa, nada concreta e moi insuficiente a emenda do PP, por iso ofertou unha transacción ao grupo popular coa vontade de chegar a un acordo. Máis, para o BNG hai cuestións que son irrenunciábeis, como a necesidade de adoptar unha solución para os estaleiros da Ría de Vigo mentras a UE non solucione a cuestión do Tax Lease, como o compromiso concreto de construir o dique flotante en Ferrol e que se negocie unha data de vencemento ás limitacións que pesan sobre o estaleiro de Fene.

É preciso salientar que en xuño do ano pasado, 2011, o PP votou a favor destas cuestións relativas a Navantia na votación dunha moción do BNG aprobada en Pleno. En cambio, agora que está no Goberno a súa posición é distinta. Precisamente, a falla de compromiso do PP cos plantexamentos do BNG sobre os estaleiros públicos da Ría de Ferrol, foi o que motivou que Jorquera só aceitara as emendas transaccionais presentadas por IU e polo grupo socialista.

Na súa intervención no pleno, Jorquera destacou que as medidas do BNG para o sector naval público e o privado “contribuirían a resolver a gravísima crise que padece o sector naval, tanto no conxunto do Estado como na Galiza en particular”. Neste sentido, puxo de manifesto que o sector naval é un sector “básico da economía galega xa que representa o 5,7% do PIB do noso territorio, e no 2008 empregada directamente a máis de 10.000 traballadores, ademáis dos traballos indirectos”.

Advertiu o deputado do BNG que a crise que afecta a este sector cuestiona até a súa propia superviviencia. Pero no caso galego tamén conflúen outras razóns, subliñou. “Os estaleiros públicos da Ría de Ferrol están a sufrir as consecuencias dos dictados de Bruxelas que os obrigou a operar case en exclusiva na construción naval militar”.

O Tax Lease non conleva competencia desleal

E en relación ao Tax Lease que afecta especialmente aos estaleiros da Ría de Vigo, salientou que a investigación iniciada pola Comisión Europea sobre o sistema de arrendamento fiscal “situou aos estaleiros privados ao borde do peche”. O BNG, enfatizou, “nega rotundamente que o Tax Lease conleve competencia desleal”. Así, lembrou que a realización de contratos con este sistema se iniciou no 2003, e “non se presentou ningunha denuncia até o pasado ano. Unha denuncia que só busca disputar cotas de mercado nun contexto de forte caída da demanda”.

Jorquera argumentou que na UE o imposto de sociedades non está armonizado e que distintos países europeos practican rexímenes fiscais beneficiosos para o seu naval, “onde está a competencia desleal?”. Explicou a situación de parálise pola que atravesan os estaleiros debido ao bloqueo ao Tax Lease. Agora mesmo a carteira de pedidos dos estaleiros privados redúcese a só sete unidades. “A consecuencia é que se perderon xa 3.500 postos de traballo nas auxiliares e outros tantos están suxeitos a ERE´s”. E reprochou que outros países se teñan feito coa cota do mercado dos estaleiros galegos.

Por iso, afirmou, “é urxente que a Comisión Europea autorice un novo sistema de arrendamento fiscal mentras non se resolva o procedemento”.

Navantia

No que atinxe aos estaleiros públicos, Jorquera tamén describiu a crítica situación pola que atravesan: “a súa carteira de traballo está practicamente esgotada, e se non hai novos encargos perigarán os 5.600 postos de traballo dos estaleiros e das auxiliares”. Nos últimos meses, enfatizou, destruíronse 700 empregos.

Criticou a prohibición que pesa sobre o estaleiro de Fene de construir buques, porque “restrinxir a actividade á construción naval militar significa depender da contratación pública, moi limitada polos drásticos recortes”

Explicou que fronte ás costas galegas pasa un dos corredores marítimos internacionais máis importantes, e os “estaleiros da Ría de Ferrol teñen unha posición xeográfica privilexiada para atraer ese mercado”. Pero iso exixe “investimentos como a construción dun dique flotante para reparar grandes buques”. E aludiu tamén á necesidade de superar as limitacións impostas pola UE.

Lembrou Jorquera que outros puntos da iniciativa do BNG coinciden cos dunha moción aprobada por unanimidade no pasado mes de xuño, e “o PP, durante a campaña electoral, comprometeuse a facer realidade o dique flotante se gañaba as elecións, demanda compartida polo conxunto da sociedade de Ferrolterra”.

“É hora, puntualizou, de que as promesas den paso aos feitos”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]