O BNG vota en contra da nova reforma laboral e acusa o Goberno de "deixar os dereitos dos traballadores ao mesmo nivel que o PP"

Madrid, 15 Setembro 2011. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, manifestou no Pleno a rotunda oposición do BNG á segunda entrega da reforma laboral que o Goberno central realizou através do Real Decreto-Lei de 26 de agosto, de medidas urxentes para a promoción do emprego dos mozos, o fomento da estabilidade no emprego e o mantemento do programa de recualificación profesional das persoas que esgoten a proteción por desemprego.

En opinión de Olaia Fernández Davila a primeira reforma laboral “non serviu nen para crear emprego, nen para reducir a contratación temporal, nen para incentivar a contratación indefinida, e para o único que serviu foi para abaratar o despido e incrementar o número de parados”. Neste sentido, subliñou que do 2010 ao 2011 o paro aumentou en 170.000 persoas. E salientou o feito de que este Real Decreto incide nos mesmos erros.

Falla de compromiso cos traballadores

A deputada do BNG recalcou na súa intervención que “a reforma laboral que o PSOE nos vende como necesaria para crear emprego só serviu para o contrario”. Davila deixou claro que o BNG nen comparte a vía escollida para esta reforma laboral, a vía do Real Decreto, nen o fondo da norma. Aludiu á perda de dereitos laborais porque incentiva a concatenación de contratos e amplía o tempo dos contratos de formación, “cando o problema da cualificación dos mozos e mozas se debe á falla de estabilidade no emprego que impide que teñan a experiencia suficiente e requerida”.

Davila chamou á reflexión do PSOE e do Goberno porque “cando asumiron o Goberno no ano 2004, dixeron que querían facer unha reforma laboral que superase as reformas baseadas na precariedade do PP”, máis lamentou, “estamos hoxe ao mesmo nivel que nos deixou o PP ou incluso pior. O PSOE realizou unha reforma laboral que deixa os dereitos dos traballadores ao mesmo nivel de precariedade que o PP”.

E por riba, enfatizou, “o PP vaille dar apoio a esta reforma baixo a acusación de que lexislan na precariedade. É curioso como curioso é que o Goberno non teña a máis mínima vergoña pola falla de compromiso cos traballadores”. Rematou afirmando que a crise “se resolve dando maior poder adquisitivo aos traballadores para que poidan consumir” e non así.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]