Pérez Bouza convida aos 34 senadores que non están baixo a disciplina de voto de PP e PSOE a unha xuntanza para forzar un referendo

O senador Xosé Manuel Pérez Bouza toma a iniciativa para sumar as 26 sinaturas necesarias para que “cando menos, se consulte aos cidadáns”

Santiago de Compostela, 29 Agosto 11.- O BNG toma a iniciativa no debate sobre a reforma da Constitución no Senado e convida aos 34 senadores e senadoras que non están baixo a disciplina de voto do PP e o PSOE a unha xuntanza o vindeiro 12 de setembro para estudar a posibilidade de forzar un referendo no caso de que a reforma da Constitución saia adiante na cámara baixa.

Tal e como anunciou hoxe o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, o nacionalismo galego quer aproveitar “esta oportunidade histórica para demostrar que o Senado pode ser unha cámara útil”.

Así, Pérez Bouza lamentou a “falta de respecto de PP e PSOE pola democracia” e apela aos senadores e senadoras para lles lembrar que “teñen unha oportunidade de demostrar a súa sensibilidade pola democracia e o respecto aos cidadáns apoiando a petición de convocar un referendo”.

O senador nacionalista lembra que son necesarias as sinaturas de 26 senadores e senadoras para solicitar un referendo e apunta que “é posíbel conseguilo, xa que noutras ocasións témonos posto dacordo en temas que se debatiron no Senado”, ao tempo que apunta que esta decisión sería “o servizo máis importante que tería prestado o Senado nos seus 33 anos de historia”.

Xosé Manuel Pérez Bouza considera que o Senado é unha cámara apropiada para que se dea esta iniciativa posto que nela se recollen e defenden os intereses dos cidadáns e tamén dos territorios.

O BNG rexeita a reforma da Constitución iniciada por PP e PSOE para a fixar un teito de gasto público, “tanto por cuestións de fondo como de forma”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]