O BNG pide a paralización dun novo aproveitamento hidroeléctrico no Sil

O senador do BNG presenta alegacións á construción do novo aproveitamento hidroeléctrico de Santa Cristina e afirma que “non é de interese público”

Ourense, 16 Agosto 11. O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, presentou alegacións á construción dun novo aproveitamento hidroeléctrico na conca do Miño-Sil solicitada por Iberdrola. Ao mesmo tempo, o representante nacionalista anunciou que solicitará a comparecencia da ministra de Medio Ambiente no Senado “para lle demandar que cumpra o compromiso adquirido de non admitir novos aproveitamentos nesta conca xa sobreexplotada”.

O senador nacionalista explicou aos medios de comunicación a importancia de paralizar este proxecto nos canons do Sil, na Ribeira Sacra porque tería “un altísimo impacto nun entorno privilexiado e con grandes potencialidades que ten, ademais, unha elevada fraxilidade para encarar agresións deste tipo”.

As alegacións presentadas polo senador do BNG céntranse en “desmontar todas as liñas argumentais de Iberdrola porque, ao contrario do que afirman, non é un proxecto de utilidade pública nin responde ao interese xeral porque non é necesario para garantir o sistema eléctrico nin para estabilizalo, nin en Galiza nin no Estado. A capacidade de producir enerxía no Estado español está máis que dimensionada e garantida”, concluíu Pérez Bouza aportando vario exemplos.

Por outra banda, tal e como se recolle tamén nas alegacións, estamos a falar dun proxecto “claramente especulativo, dado que a súa rendibilidade baséase na utilización legal, pero moi pouco honesta, da actual configuración de prezos do custe da enerxía eléctrica”. Tal e como explicou o senador nacionalista, o proxecto resultaría deficitario nun principio, xa que é necesaria máis enerxía para bombear máis auga da que produciría mediante a turbinación desa auga polo que a intención de Iberdrola é “aproveitar a “horas valle”, de menor custe da enerxía, para bombear a auga sobrante cara o depósito superior, utilizando as horas punta, onde a enerxía se paga a maior prezo, para turbinar a auga almacenada e obter un importante diferencial”.

Grande impacto ambiental

Xosé Manuel Pérez Bouza presentou, xunto coas alegacións, unha serie de fotografías que demostran o elevado impacto ambiental que tivo o anterior proxecto desenvolvido por Iberdrola (Santo Estevo II). “É mentira que este novo proxecto non vaia ter impacto”, explicou, “teríao e moi elevado, sobre todo tendo en conta que a empresa calcula o prazo de execución da obra en 8 anos nos que habería que utilizar maquinaria pesada, explosivos, camións para mover 2 millóns de metros cúbicos de cascallos e se baixaría o nivel do encoro de Santo Estevo”.

“No BNG non confiamos nas boas intencións de Iberdrola”, continuou, “e a experiencia nos demostra que cando consigue a autorización, a empresa esquécese das promesas de recuperación e conservación do medio ambiente que fai”.

Cese inmediato do presidente da CHMS

O senador nacionalista explicou que esixirá tamén á ministra de Medio Ambiente o cese inmediato do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, por ter demostrado “nula sensibilidade para a defensa do medio ambiente, ao tempo que deixou claro que está ao servizo de calquera interese, menos o da conservación do entorno dos ríos Miño e Sil”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]