Pérez Bouza interpelará o martes ao Goberno sobre o papel das deputacións

Madrid, 6 Xullo 2011. O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, dirixiráse o vindeiro martes, día 12 de xullo, ao Ministro de Política Territorial e Vicepresidente Terceiro, Manuel Chaves, no Pleno do Senado para interpelalo sobre a posición do Goberno respeito á reforma das Deputacións Provinciais.

O senador nacionalista amosou esta mañá, en rolda de prensa en Ourense, o desacordo do BNG coa afirmación de Zapatero no Debate de Estado de que algo hai que facer coas Deputacións pero para a vindeira lexislatura. Pérez Bouza considera que se trata dunha reforma urxente “e máis necesaria que outras que se están a facer. Somos da opinión de que este debate se debe iniciar de imediato”.

Razón pola que o BNG, una vez realizada a interpelación ao Ministro de Política Territorial, presentará no Senado unha moción para demandar a creación dunha Ponencia para analizar o papel actual das Deputacións Provinciais ordinarias e a súa reforma. Unha Ponencia que contaría coa participación de todos os grupos parlamentares da Cámara e con expertos na administración local.

Organizacións ineficaces que consumen moitos recursos públicos

O senador do BNG lembrou a tradicional posición dos nacionalistas galegos sobre este tema: “sempre estivemos a favor da supresións destas institucións caducas e que non aportan nada positivo pero que absorbe miles de millóns de euros”. Indicou que o ano pasado as 38 Deputacións de réxime ordinario gastaron un orzamento de 6.800 millóns de euros.

Para Pérez Bouza “son organizacións ineficaces que consumen moitos recursos económicos e non cumpren coa única función de cooperación cos concellos. Adícanse a múltiples cuestións que non son da súa competencia e non aportan nada . É fácil ver que se pode prescindir facilmente delas”. Ademáis, recalcou, suporía un aforro importante de recursos públicos. Desde logo, remarcou, “mentras continúen existindo estas institucións o BNG vai demandar através dos grupos provinciais que até o último céntimo vaia adicado á cooperación cos concellos”.

O senador nacionalista afirmou que un exemplo paradigmático do incumprimento da función de cooperación cos concellos “é a deputación de Ourense, que adica unha mínima parte a esta función dos 73 millóns dos que dispón, unha parte que non chega nen ao 20%”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]