Pérez Bouza critica os rifi-rafes Xunta-Fomento que adían a autovía Ourense-Ponferrada

Xosé Manuel Pérez Bouza

Madrid, 26 Abril 2011. O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, reprochou esta tarde ao Ministro de Fomento os continuos “rifi-rafes entre a Xunta e o Goberno central” e espero que “non dilaten aínda máis o necesario proxecto da autovía A-76”.

O senador nacionalista dirixíase no Pleno ao Ministro de Fomento para pór de manifesto a falla de comunicacións viarias idóneas para unha comarca de grandes potencialidades como é Valdeorras. Pérez Bouza afirmou que “Valdeorras é unha comarca de moitas potencialidades no turismo, no terreo agrario e no eido industrial da pizarra. Máis adoece de importantes dificuldades que a condenan ao illamento e perturban o seu desenvolvemento”.

Así, lembrou a José Blanco que a principal vía de comunicación é a N-120 que une Ourense co Bierzo, “unha vía obsoleta, con graves problemas de conservación e que non resposta ás necesidades de movilidade actuais de Valdeorras”. Afirmou que a “única esperanza é a futura autovía A-76, entre Ourense e Ponferrada, aprobada no ano 2005 pero que non pasa da fase de estudos previos”.

O senador do BNG acusou ao Ministro de Fomento de “falla de interese do Goberno cunha infraestrutura vital para a comarca” e acusouno de utilizar desculpas “de pouco rigor técnico cando hai dous días dixo en Lugo que non se pode contratar a obra por tramos cando é algo que se fixo noutras infraestruturas de Galiza”.

Resposta do Ministro de Fomento ao BNG

Na súa resposta a Pérez Bouza, o Ministro de Fomento responsabilizou do retraso á Xunta sinalando que se tomou a decisión de acelerar o Estudo informativo pero “se opuxo a Xunta. Hai seis meses que remitimos unha solución alternativa á Xunta e aínda non deu resposta”. Recalcou ao BNG que non se pode licitar o proxecto, nen comezar as obras sen a Declaración de Impacto Ambiental. “Mentras a Xunta non resposte non se pode trocear o proxecto”.

Respeito ao estado da N-120, limitouse a sinalar que “melloramos o seu firme” e anunciou a Pérez Bouza que “vou licitar a redación do proxecto de conexión entre a N-546 e a N-120 en o Barco”.

No turno de réplica, o senador do BNG díxolle que “espero que os rifi-rafes entre o Goberno e a Xunta non dilaten aínda máis un proxecto necesario”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]