Máis de 5.000 persoas na manifestación do sindicalismo nacionalista en Madrid

Madrid, 5 Abril 2011. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, e a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, participaron este mediodía en Madrid na manifestación convocada pola CIG xunto con sindicatos vascos, cataláns e canarios para protestar polas políticas de recurtes sociais e laborais do Goberno central.

Davila manifestou que o BNG “concorda absolutamente coa movilización convocada que chega nun momento oportuno, xusto cando acaba de entrar en tramitación no Congreso o proxecto de reforma das pensións”. Un proxecto denominado “proxecto de lei sobre actualización, adecuación e modernización do sistema de Seguridade Social”, que entrou na Cámara a semana pasada e polo de agora, o prazo para presentar emendas está aberto até o 19 de abril.

A deputada do BNG afirmou que as reivindicacións da CIG “van na mesma dirección do que defende o BNG”, e fixo especial alusión aos recurtes nas pensións e advertiu sobre a reforma da negociación colectiva que “pode supór outro ataque contra os dereitos dos traballadores”.

Non todos os sindicatos avalían o recurte das pensións e de dereitos laborais

Pola súa parte, Jorquera dixo que “estamos dacordo cos sindicatos convocantes, e convén lembrar que non todas as organizacións sindicais avalían o recurte das pensións e a drástica redución dos dereitos laborais dos traballadores. Aquí están sindicatos moi representativos de Galiza e do Pais Vasco que se opoñen a toda esas políticas de recurtes de dereitos”.

Salientou que o BNG está en contra dun modelo para saír da crise que se traduce en cargar os custes sobre os traballadores, sobre os pensionistas e sobre as clases sociais máis desfavorecidas, e que está a desmantelar o Estado de Benestar.

O BNG presentará unha emenda de devolución ao proxecto de reforma das pensións, pero tamén rexistrará emendas parciais co obxectivo de intentar corrixir os aspeitos máis regresivos da lei.  Dada a afluencia de autobuses procedentes de Galiza, Pais Vasco e Catalunya, os cálculos sitúan a participación en máis de 5.000 persoas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]