O BNG vota en contra do Decreto de Medidas de Emprego porque aumenta a precariedade laboral

Olaia Fernández Davila

Madrid, 24 Febreiro 2011. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, expresou no Pleno o voto en contra do BNG ao Real Decreto de medidas “para promover a transición ao emprego estábel e a recualificación profesional de persoas desempregadas” porque incide nas políticas de precarización laboral, temporalidade e fraude na contratación.

Davila lembrou ao Ministro de Traballo que “hai un ano que trataban de nos convencer da necesidade da reforma laboral para abaratar o despido. Despois de moitos meses, non podemos constatar que se avanzara no emprego estábel, e desde logo, o que sí constatamos é que o paro medrou moito”.

Un Decreto que vai no camiño contrario ao que se necesita

Deixou claro que este Real Decreto incide na cultura da temporalidade, da precariedade e da fraude na contratación. Afirmou que o Goberno de Zapatero incide “nas políticas iniciadas polo PP no ano 1998, e que no ano 2006 se tratou de mellorar”. Neste sentido, é preciso lembrar que o Decreto elimina o artigo 6.1.C da Lei 43/2006, motivado por unha emenda do BNG, que precisamente incorporaba o establecemento de límites á fraude na contratación.

Davila reprochou ao Ministro que se elimine “precisamente un artigo que loitaba contra a fraude na contratación”.

Porén, advertiu que coas medidas contidas no Decreto “existe o perigo dunha mudanza no comportamento da contratación das empresas, de xeito que procedan a despedir ou non renovar contratos dos traballadores con contratos a tempo completo para poder favorecerse das reducións nas cotizacións sociais”.

Outra das razóns do BNG para o non, débese ao Programa de Recualificación Profesional para as persoas desempregadas, que “en principio podería ter unha avaliación positiva pero dadas as limitacións que se poñen para acceder ás axudas e a recentralización das políticas de emprego, tampouco poden receber o noso visto bón”. Nesta cuestión, criticou que se recentralicen competencias, convertendo ás CC.AA en meras executoras dos fondos para as políticas de emprego”.

Á luz dos dados sobre o desemprego, especialmente os relacionados coa altísima taxa de paro xuvenil, e a elevada taxa de temporalidade e precariedade laboral existente entre os mozos, “o que debería facer o Goberno é precisamente o contrario do que vai facer. É necesario que promova a contratación estábel e batalle contra a precariedade laboral”. E lamentou que o Executivo escolla o camiño contrario.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]