Jorquera insta ao Goberno a modificar a lei do sector eléctrico no relativo ao cálculo do prezo da electricidade

O portavoz do BNG no Congreso explica que o problema estructural do défice tarifario se debe ao sistema de prezos eléctricos que “é opaco e inxusto” e logo recae por completo na factura da luz que pagan os consumidores

Madrid, 13 Febreiro 2011. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Goberno a modifica a Lei 54/1997, de 27 de novembro, do sector eléctrico no que atinxe ao sistema de prezos eléctricos.
Jorquera lembra a elevada suba da factura da luz aprobada polo Goberno no mes de xaneiro que incrementou o recibo eléctrico nun 9,8%. “Unha decisión a todas luces antisocial, que dificultará aínda máis a chegada a fin de mes de numerosas familias e incrementará a inflación”.

O cálculo do custe da electricidade é inxusto e opaco e prexudica aos consumidores

O deputado do BNG recolle a xustificación do Goberno que dí que se debe ao défice tarifario, que ademáis, responsabiliza da situación ao incremento do prezo das materias primas, ao cambio nas pautas de consumo, ao aumento das primas ás enerxía renovábeis e á aplicación do Decreto do Carbón. Máis, puntualiza Jorquera, “independentemente dos factores coxunturais, o problema fundamental do défice tarifario é o sistema de xeración de prezos eléctricos establecido na Lei 54/1997 dos sector eléctrico, que é opaco e inxusto”.

Explica o deputado do BNG que segundo dito sistema o prezo final da electricidade no mercado maiorista, que paga a todos os productores por igual, vén determinado polo prezo da última oferta en ser aceitada. E dado que algunhas tecnoloxías producen a uns custes moi inferiores, “os beneficios xerados por este mecanismo a esos productores son exaxeradamente anormais”. Sobre todo para as enerxías case ou totalmente amortizadas como a nuclear.

Jorquera subliña que o problema reside na metodoloxía empregada para o cálculo do custe no “pool” eléctrico. Esta é a explicación dos grandes beneficios das eléctricas. Máis, “os efectos deste sistema para o consumidor non poden ser máis perniciosos. O incremento anual do prezo da electricidade é maior que o IPC de 2006, de feito a suba do recibo eléctrico duplicou ao IPC”. O deputado nacionalista considera que a situación é suficientemente grave e debe levar ao Goberno a modificar a lei.

Salvar a Tarifa de Último Recurso (TUR) e ampliar o Bono Social

Ademáis, na proposición o deputado do BNG tamén pede ao Executivo que manteña para os próximos anos o actual umbral de 10 kilowatios de potencia contratada para acceder á Tarifa de Último Recurso (TUR). Advirte Jorquera que o Consello de Ministros aprobou o Plan Integral de Política Industrial o pasado 10 de decembro, que levará a reducir o umbral da TUR desde os 10 kilowatios aos 3 kilowatios de potencia contratada. “O servizo que supón esta tarifa se verá ameazado se o Goberno aplica o contemplado no Plan”.

Por último, o deputado do BNG plantexa unha serie de propostas en relación ao Bono Social, demanda que se acollan ao Bono Social todos os clientes cunha potencia contratada de 3,3 kilowatios para que chegue a máis cidadáns. Lembra que cando o Goberno a aprobou estimou que esta medida beneficiaría a 5 millóns de persoas, e só a están a percibir uns 3 millóns.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • iniciativa