En resposta ao BNG, o Goberno defende a privatización da caixa galega unicamente para "obter beneficios"

Madrid, 8 Febreiro 2011. A Ministra de Economía e Vicepresidenta Segunda do Goberno, Elena Salgado, defendeu esta tarde os novos criterios de solvencia que o Goberno vai aprobar para unha nova reestructuración das Caixas de Aforro e que darán lugar “á súa bancarización” tal e como dixo Pérez Bouza quen a interpelou sobre este tema no Pleno do Senado.

Elena Salgado pretextou ao senador do BNG que as novas medidas a desenvolver son as que “precisan as entidades financeiras para ter solvencia e credibilidade e que gañen beneficios”. Exhibiu a redución realizada na estrutura das Caixas no Estado español xa que “se pasou de 45 Caixas a 17. Negou sen aportar argumentos que vaian facer discriminacións entre Caixas e bancos e non quixo referirse á Caixa galega sinalando que “non vou falar de institucións financeiras en particular, só do conxunto, e se cumpre cos criterios de solvencia poderá seguer senón necesitará unha inxeción de capital”.

Na réplica, o senador do BNG instouna a copiar a Alemaña “onde hai máis de 400 Caixas. Copien tamén o sistema de Caixas de alí”. Díxolle á Ministra que na Galiza, as Caixas deron en torno ao 50% do crédito ás familias fronte a máis de 25 bancos que operan no noso territorio. Tamén o 70% das pemes teñen créditos coas Caixas, e a Caixa galega tivo uns beneficios de 144 millóns de euros no ano 2010”. Reprochou á Ministra que o que “debe gañar credibilidade é o Goberno que a perde cos seus continuos bandazos”.

Novas normas que porán en perigo o futuro da Caixa galega

Pérez Bouza dixo á Ministra que “Galiza observa entre desconcertada e perplexa a nova decisión do Goberno de mudar as reglas de xogo para as Caixas de Aforro”. Lembrou á Salgado que hai menos dun ano que se obrigou ao sector das Caixas a emprender unha reestructuración baixo o argumento de que había moitas Caixas e a maioría eran de pequeno tamaño para operar no sistema financeiro.

“Entón se pón en marcha un instrumento de axuda como é o FROB, que empregaron Caixa Nova e Caixa Galicia para fusionarse. A nova entidade recibiu as bendicións do Ministerio, do Goberno, do Banco de España e incluso de organismos internacionais”, dixo o senador do BNG á Ministra. Máis, recalcou, “dous meses máis tarde, vostés deciden que hai que cambiar as reglas de xogo establecidas para introducir unhas novas condicións de solvencia”. Unhas condicións que Pérez Bouza definiu de “leoninas, inxustificábeis e discriminatorias para as Caixas porque van incluso máis alá de Acordos Internacionais como o de Basilea 3”.

O senador do BNG denunciou a Salgado que as novas condicións poñerán en cuestión a viabilidade da fusión das dúas Caixas galegas e tamén poñerán en cuestión todo o sistema de Caixas. A continuación formulou a Salgado unha serie de cuestións: “A que se debe o cambio das reglas de xogo en metade do partido? Por que ese interese desmedido en privatizar e bancarizar as Caixas entregando aos grandes bancos e Fondos de Inversión estranxeiros a metade do negocio financeiro español? Qué consecuencias positivas terá para a cidadanía?

Advertiu á Ministra de Economía de que con decisións deste tipo Galiza “vai perder o principal instrumento financeiro co que conta para apoiar proxectos estratéxicos, ademáis de que se perderá a obra social, pecharánse centos de oficinas no medio rural, perderánse postos de traballo e moitos terán dificuldades para acceder ao crédito”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]