Davila demanda ao Goberno que solucione as deficiencias no sistema de balizamento da canle do transbordador entre Caminha e A Guarda

A deputada do BNG pon de manifesto que este sistema non funciona e foi a causa do accidente dun pesqueiro galego o pasado 7 de decembro

Madrid, 4 Xaneiro 2010. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que demanda ao Goberno que se solucionen os problemas e as deficiencias existentes no sistema de balizamento na canle do transbordador que comunica Caminha (Portugal) e A Guarda.

A deputada do BNG pon de manifesto os riscos e os perigos que estas deficiencias están a supor para a navegación das embarcacións. En concreto, alude ao accidente acontecido o 7 de decembro cando un pesqueiro galego colidía contra unha das balizas metálicas que sinalan a canle de navegación do transbordador que comunica Caminha (Portugal) e A Guarda. Un accidente que tivo consecuencias na embarcación e tamén causou feridas ao patrón do barco.

Explica a deputada do BNG que a causa do sinistro é o estado das luces de balizamento que están avariadas e non funcionan. As luces sinalan a canle do transbordador na desembocadura do Miño, entre Galiza e Portugal.

Davila insta ao Goberno a adoptar as medidas precisas para remediar esta situación xa que, do contrario, este tipo de accidentes voltarán suceder. Razón pola que formula ao Goberno uhna serie de perguntas para coñecer se é consciente destes problemas, para saber que medidas vai adoptar para solucionar as deficiencias e para saber se se vai dirixir ao seu homólogo portugués a fin de arranxar o sistema de balizamento nun breve prazo de tempo.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]