Jorquera insta ao Goberno a pór en servizo, canto antes, os cuarteis da Garda Civil rematados hai meses

O deputado do BNG pergunta ao Ministerio de Interior a que se debe o retraso e demanda que estean operativos para comezos de ano

Madrid, 3 Xaneiro 2011. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara, na que pede ao Goberno que, canto antes, poña en servizo os cuarteis da Garda Civil que están rematados hai meses.
Alude Jorquera aos edificios de nova construción en Ames, Santa Comba, Oleiros e Xinzo de Limia, e ás reformas realizadas nos cuarteis de Mos, Porriño e A Guarda.

O deputado do BNG salienta o caso de Oleiros, que leva meses rematado, máis “os cincoenta gardas civís en plantilla levan anos utilizando as instalacións dunhas antigas escolas infantís. Tamén os axentes de Ames están ubicados nun baixo que paga o concello, e os de Xinzo están nunha gardería”.

O mal estado das actuais instalacións

É dicer, “os novos cuarteis están rematados pero os axentes da Garda Civil continúan facendo o seu labor nunhas instalacións que levan anos en mal estado, que non teñen as condicións necesarias e que, na maioría dos casos, son locais cedidos temporalmente polos concellos”.

No que atinxe aos cuarteis que foron obxecto de reformas, Jorquera salienta o feito de que se dotase de calefacción ás instalacións de O Porriño pero aínda non poden desfrutar destas mellorías debido “a problemas administrativos”.

Neste sentido, o deputado do BNG formula ao Goberno unha serie de perguntas para coñecer por que razón aínda non se abriron os cuarteis xa rematados, e os que foron obxecto de reformas. Demanda ao Ministerio de Interior celeridade debido “ao lamentábel estado no que se atopan as actuais instalacións”.

“Vai o Goberno solucionar esta situación de “bloqueo” canto antes para que os axentes poidan desenvolver o seu labor nos novos edificios? Está disposto o Ministerio a inaugurar canto antes as novas instalacións de xeito que a comezos de ano os axentes xa estean ubicados alí?”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]