O BNG afirma que a reforma do sistema de pensións "non é necesaria nin urxente e só serve para satisfacer os mercados"

O senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza advirte de que a reforma das pensións “condenará aos galegos a reducir o seu poder adquisitivo”

Ourense 3 Xaneiro, 2011. O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, afirmou esta mañá en rolda de prensa en Ourense que a reforma do sistema de pensións recollida nas recomendacións asinadas na comision do Pacto de Toledo “non é necesaria nin urxente e só serve para satisfacer aos mercados”.

Tal e como advertiu o senador nacionalista, esta reforma baséase nos informes “de organismos que non son fiábeis porque son os mesmos que teñen fracasado nas súas previsións dun ano para outro”.

De feito, Pérez Bouza apuntou que estes mesmos organismos foron os que anunciaron en 1980 que o sistema de pensións tería crebado antes de 2010. “De novo equivocáronse, porque o Fondo de Reserva chegou a este ano cun superávit de 70.000 millóns de euros e 2010 rematou tamén con superávit de 5.000 ME”.

O senador anunciou o voto negativo do BNG na tramitación desta reforma nas Cortes do Estado e asegurou que o nacionalismo galego “apoiará as mobilizacións dos traballadores galegos contra esta medida”.

En opinión de Pérez Bouza, “é moi significativo que PP e PSOE sexan incapaces de porse dacordo cando se trata de adoptar medidas en positivo mais, cando falamos de recurtes que afectan directamente ao benestar da cidadanía ambos os dous partidos chegan a acordos e xa teñen anunciado que apoiarán esta reforma”.

Menos poder adquisitivo

En opinión do senador nacionalista, esta reforma vai ser “moi negativa en todo o Estado, pero, sobre todo, en Galiza e en Ourense, por tres motivos fundamentais”.

O primeiro deles é que a maioría dos traballadores se concentran en sectores produtivos de alta penosidade como o agrogandeiro, a construción ou o sector de servizos nos que o aumento da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos pode ter repercusións moi negativas”.

En segundo lugar, o incremento de 15 a 20 anos do cómputo para calcular a contía da xubilación tamén suporá un grave perxuizo para os ourensáns e ourensás, que, segundo indicou Pérez Bouza “xa están entre os que menos cobran no Estado e, con esta medida, aínda terán un menor poder adquisitivo”.

En terceiro lugar, Galiza e Ourense teñen na actualidade as taxas máis altas de paro na mocidade que, tal e como indicou o representante nacionalista, “vanse ver incrementadas ao se retrasar a idade de xubilación”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]