O BNG vota contra a prórroga do estado de alarma e di que se utiliza como cortina de fume para ocultar "outros debates"

Madrid, 16 Decembro 10. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, manifestou na súa intervención no Pleno o voto en contra dos nacionalistas galegos á solicitude de prórroga do estado de alarma.

Jorquera lembrou as dúbidas expresadas por diversos xuristas respeito á constitucionalidade da declaración do estado de alarma “por entender que non concurrían todas as circunstancias previstas na lei”. “E aínda eran máis as voces que alertaban sobre a inconstitucionalidade do sometimento dos controladores á xurisdición militar porque a propia Constitución prescrebe que o exercicio da xurisdición militar só cabe no ámbito castrense e en supostos de Estado de Sitio”.

O Goberno non cumpre a legalidade establecida

Máis, recalcou Jorquera, “o Goberno opta por aplicar o refrán de que “se non queres caldo, toma dúas tazas”. Neste sentido, o deputado do BNG argumentou que a Lei Orgánica que regula os Estados de Emerxencia establece que a súa duración “será a estritamente indispensábel para asegurar o restablecemento da normalidade”.

O parlamentar nacionalista subliñou que “rematada a calamidade, restablecida a normalidade, non se pode prorrogar o Estado de Alarma” baixo un criterio preventivo. Razón pola que acusou ao Goberno de “sobreactuar”.
Dixo ao Ministro de Presidencia, Ramón Jáuregui, que “todos os grupos desta Cámara reprobamos tallantemente a actitude dos controladores. Coincidimos en que a súa actitude irresponsábel debe ter consecuencias”. Pero, insistiu, “non se pode restaurar o principio de legalidade senón é desde a máis estrita legalidade”. Salientou que as sancións previstas na Lei de Navegación Aérea “xa son de por si o bastante duras como para prorrogar mecanismos excepcionais”. Lembrar que dita lei contempla o delito de sedición.

Neste sentido, sinalou que “non é algo que diga o BNG, nen siquera destacadas constitucionalistas. Se son certas as informacións de prensa sobre as deliberacións previas ao Consello de Ministros, dínno incluso os propios Ministerios de Xustiza e Defensa. Ao mellor eles tamén están ao lado dos controladores”.

Voltou a pedir ao Goberno que “non sobreactúen porque se non temos que concluir que están a utilizar o estado de alarma como cortina de fume para ocultar outros debates”.

Que dí a lexislación establecida

É preciso lembrar que a Lei Orgánica de estados de alarma, excepción e sitio establece a declaración cando se produce a paralización de servizos públicos esenciais nas seguintes circunstancias: calamidades públicas de carácter natural ou accidentes de grande magnitude, crises sanitarias ou situacións de desabastecemento de produtos de primeira necesidade.

Ademáis, a lei establece que a súa duración será a estritamente indispensábel para asegurar o restablecemento da normalidade. Unha vez que a normalidade está restablecida non vén ao caso prorrogar o estado de alarma por prevención ou por problemas de xestión. Sen esquecer, que o artigo 117.5 da Constitución prescrebe que o exercicio da xurisdición militar só cabe no ámbito castrense e en supostos de estado de sitio.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]