O Goberno non dá desmentido ante Jorquera que fiscais e altos cargos manobraron para arquivar o caso Couso

Madrid, 15 Decembro 2010. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, dirixiuse na sesión plenaria ao Ministros de Xustiza, Francisco Caamaño, para perguntarlle pola veracidade das revelacións da organización Wikileaks respeito ao caso Couso.

O Ministro de Xustiza non refutou os informes mencionados, non aportou dados para contradecir os documentos sobre a presunta cumplicidade do Goberno español e a xudicatura para parar o proceso de José Couso. Limitouse a cualificar ditas revelacións como “informacións de parte sobre avaliacións subxectivas e que non se poden someter a un test de veracidade”. Defendeuse sinalando que “a verdade é que o Goberno colaborou coas autoridades xudiciais e requeriu información á Administración norteamericana”. 

Jorquera demandoulle respostas sobre a “presunta colaboración do Fiscal Xeral do Estado” e o Ministro dí que “o poder xudicial é independente” 

Jorquera iniciou a súa intervención con referencias aos cables de Wikileaks publicados en prensa escrita que revelan a complicidade do Goberno español coa Administración norteamericana para pechar o proceso Couso. Así, lembrou a Caamaño frases como: “Os ministros españois traballan para que non prosperen as ordes de detención”; “O Goberno español axudou entre bastidores para que os fiscais apelen”; “Conde Pumpido dixo que segue a facer o que pode para que o caso se arquive”.

O deputado do BNG destacou que estes documentos “revelan a existencia de presións por parte de EE.UU para obstaculizar o proceso aberto pola Audiencia Nacional polo asasinato do cámara galego de Tele 5, José Couso”.
Máis, considerou máis grave aínda a “presunta colaboración do Fiscal Xeral do Estado, do Fiscal xefe da Audiencia Nacional e incluso de altos cargos do Goberno”. E ninguén, puntualizou, “negou hoxe a veracidade das filtracións, só se lles restou valor”.

Jorquera dixo ao Ministro de Xustiza que o contido dos cables neste sentido “son da suficiente gravedade como para que se cree unha Comisión de Investigación para esclarecer o sucedido e depurar, se for necesario, as posíbeis responsabilidades”. Na mesma liña argumental, criticou ao Goberno porque “de seren certas estas filtracións, o Goberno estaría dimitindo do seu deber de defender a soberanía do Estado español, estaría dimitindo do seu deber de permitir que se faga xustiza, de permitir que o homicidio dun cidadán español non fique impune”.
Demandou a Caamaño claridade sobre este tema porque “a familia de José Couso e a saúde da democracia llo agradecerán”.

Resposta do Ministro de Xustiza

Ante as cuestións plantexadas polo BNG, Caamaño negouse a entrar nos documentos filtrados por Wikileaks, afirmando que “non vou discutir a credibilidade que vosté lle quer dar a unha fonte sesgada”. A partir de aí, asegurou que o Goberno colaborou no proceso, e alegou unha carta de Moratinos a Colin Powell na que lle pede esclarecer as circunstancias da morte de José Couso. Máis non explicou de cando foi a carta e que máis medidas adoptou o Executivo español de Zapatero ao longo de seis anos de Goberno.
Afirmou que hai tres Comisións rogatorias e insistiu en que o Executivo colaborou coa Adminsitración de Xustiza.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]