Jorquera reproba a actuación dos controladores e ao tempo critica a militarización, "un precedente inaceitábel"

Madrid, 9 Decembro 10. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, criticou duramente o comportamento dos controladores afirmando que “condenamos sen paliativos un comportamento que exixe depurar responsabilidades”. Pero tamén criticou a militarización posto que “nos parece un precedente inxustificábel cando o Código Penal ten instrumentos suficientes para asegurar o principio de legalidade”.

O Presidente do Goberno español compareu esta mañá no Pleno da Cámara para dar conta do conflito dos controladores e a decisión de declarar o Estado de alarma. O deputado do BNG afirmou en primeiro termo, que “condenamos sen paliativos o comportamento dos controladores, un comportamento que exixe depurar responsabilidades”. E neste sentido, lembrou o dereito á folga contemplado na Constitución que “establece as canles para o seu lexítimo exercicio”.

Censurou “o plante dos controladores, sen convocatoria nen previo aviso que provocou o peche do espacio aéreo e causou graves problema a centos de miles de cidadáns, á economía e á imaxe do Estado español”. O deputado do BNG sinalou que “a prioridade nese contexto era adoptar as medidas necesarias para recuperar a normalidade e protexer os dereitos dos cidadáns, conculcados”.

“Non se pode matar moscas a cañonazos”

Pero, recalcou, “iso non pasa por matar moscas a cañonazos”. Tamén aludiu á Constitución, con 32 anos de vixencia nos que “nunca, nen siquera en situacións de extrema gravedade, se declarara un Estado de alarma”. E mencionou as dúbidas que a este respeito emitiron moitos xuristas “por entender que non concurren as circunstancias previstas na lei”.

“Unhas dúbidas, indicou, que se convirten en certezas cando, baseándose nunha lei preconstitucional, decrétase a movilización dos controladores para sometelos á xurisdición militar. Algo que vulnera a propia Constitución que prescrebe que o exercicio da xurisdición militar só cabe no ámbito castrense e nos supostos de estado de sitio”.

Para Jorquera a militarización “é un precedente inxustificábel e inaceitábel, máxime cando o Código Penal ten instrumentos suficientes para asegurar o respeito ao principio de legalidade”.

Críticas á privatización de AENA e da xestión do Goberno

O deputado do BNG dixo ao Presidente do Goberno español que “non se pode estar en misa e repicando”, en alusión á privatización de AENA. “Non se poden adoptar estas medidas para preservar un servizo público esencial e ao mesmo tempo entregar a máns privadas dito servizo”.

Afirmou que “un bón Goberno non é só aquel que actúa con firmeza cando estala un conflito, un bón Goberno é aquel capaz de se anticipar e resolver os conflitos sen deixar que estos apodrezan e se convirtan en crónicos”. Ademáis, engadiu, “un bón Goberno é aquel que sabe dar respostas proporcionadas aos problemas que se teñen que abordar”.
Considerou inxustificábel o comportamento dos controladores pero “discrepamos da xestión feita polo Goberno”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]