O Senado aproba o veto do BNG aos Orzamentos do Estado para 2011

Xosé Manuel Pérez Bouza

Madrid, 2 Decembro 2010. A Comisión de Orzamentos do Senado aprobou este mediodía por maioría absoluta o veto presentado polo BNG ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2011. O resultado da votación foi: 14 votos a favor e 12 en contra. A partir de agora queda o trámite en Pleno que terá lugar na semana do 14 ao 16 de decembro.

O Goberno preocupado só de contentar “a un mercado nunca satisfeito”

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, explicou as razóns do rexeitamento do BNG ás contas estatais para o vindeiro exercicio, facendo alusión en primeiro termo ás novas medidas de duro axuste anunciadas onte polo Presidente do Goberno español.
“Son cinco as razóns que fundamentan o veto do BNG cando o rexistramos, pero de seguro que se o presentásemos hoxe engadiríamos un novo motivo despois de coñecer máis medidas de axuste anunciadas por Zapatero”, afirmou.

Pérez Bouza definiu os Orzamentos como “un axuste duro” e criticou que o Executivo tome medidas que “van en contra dos intereses da cidadanía xeral co único obxectivo de contentar á UE, ao FMI e aos denominados mercados, que sabemos como actúan, sabemos que son insaciábeis e que nunca están satisfeitos. Son como unha planta carnívora insaciábel”.

Acusou ao Executivo de tirar a toalla e “loitar só contra as consecuencias da crise pero non contra as causas”. “Rebaixan os salarios dos funcionarios, conxelan as pensións, e reducen os investimentos, receitas que crearán máis crise e máis desemprego”.Outras das razóns do veto do BNG é “o nulo compromiso social xa que cae o investimento en gasto social como os recursos para a Lei de Dependencia, caen as partidas para o Fomento do Emprego ou as destinadas a aumentar o permiso de paternidade.

Ademáis, subliñou, os Orzamentos impiden o cambio do modelo produtivo e a recuperación da economía. Lembrou o descenso dun 37% do gasto en investimento público, cae o gasto en I+D+I e cae o investimento en Educación “cando son piares básicos para posibilitar un cambio do patrón de crecemento”.Máis, engadiu, outros gastos como os de Defensa apenas descenden cando aí si se podía meter a tesoura.

Pérez Bouza puxo de manifesto que o Goberno desaproveita a oportunidade para emprender unha auténtica reforma fiscal, “máis xusta para que paguen os que máis teñen”. Pero, lamentou, o Executivo erra de novo de direción e adopta “medidas contraproducentes como a eliminación do Imposto do Patrimonio, o aumento do IVE”. Tamén salientou a necesidade de adoptar medidas para loitar contra a fraude fiscal.

Por último, o senador do BNG esgrimiu o argumento da insuficiencia de recursos económicos para Galiza. “Ao noso pais aféctalle a importante rebaixa nos investimentos en infraestruturas que non impulsan as actuacións en autovías e no tren de alta velocidade aínda pendentes”. Non esqueceu que Galiza conta cun numeroso colectivo de pensionistas e de funcionarios aos que lles afectan tamén as duras medidas adoptadas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]