Pérez Bouza reúnese co delegado do Frente Polisario e esixe ao Goberno español que "apoie as vítimas e non dea cobertura aos verdugos"

Madrid, 17 Novembro 2010. O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, dirixiuse ao Goberno español despois do encontro mantido co delegado do Frente Polisario no Estado español, Bucharaya Beyun, para exixirlle un cambio de actitude no problema do Sáhara e que adopte un “papel protagonista”.

O senador do BNG foi un dos impulsores deste encontro no que estiveron presentes todos os grupos parlamentares do Senado: PSOE, PP, CIU, PNV, Entessa Catalana de PRogrés, varios senadores do Grupo Mixto, CC. Porén, na rolda de prensa posterior ao encontro ausentouse o grupo socialista.

Pérez Bouza expresou ao delegado do Frente Polisario o apoio do BNG ao pobo saharaui, “a nosa firme condena do asalto e desmantelamento do campamento próximo a El Aaiún por parte de Marrocos, e animamos ao Frente Polisario a continuar coa súa loita a pesar das dificuldades”.

“BNG: o Goberno debe apoiar ás vítimas e non dar cobertura aos verdugos”

Na rolda de prensa, o parlamentar do BNG exixiu ao Goberno español “un cambio de actitude imediato para que teña unha actitude máis firme con Marrocos e lle exixa o respecto dos dereitos humanos do pobo saharaui”. “Demandamos ao Goberno español que impulse iniciativas tanto de maneira directa através da interlocución do Reino de Marrocos como nos organismos internacionais. Á ONU hai que exixirlle que faga cumprir as resolucións aprobadas. E na UE o Goberno español debe ser un actor principal”.

“O Estado español debe ter un papel protagonista e non un rol pasivo. Do contrario pode estar a escreber unha das páxinas máis negras da historia da diplomacia española, recibindo con honores de Estado aos verdugos como onte co Ministro de Interior”, afirmou Pérez Bouza.
O senador nacionalista demandou ao Executivo español que apoie ao pobo saharaui, que condene a actuación de Marrocos, en definitiva, que “apoie ás vítimas e non dea cobertura aos verdugos”.

O Frente Polisario asegura que hai “centos de desaparecidos, e 36 cadáveres no Hospital de El Aaiún”

Pola súa parte, o delegado do Frente Polisario describiu a “situación catastrófica na que viven os saharauis nas zonas ocupadas por Marrocos, e relatou o asalto ao campamento de protesta polas duras condicións nas que vive o pobo saharaui. Acusou ao Goberno español de actuar como o ano pasado co caso de Aminatou Haidar, negando primeiro que souberan que estaba detida e recoñecendo logo que si se sabía.

Bucharaya Beyun desvelou que “hai centos de desaparecidos, hai 36 cadáveres na morgue do Hospital de El Aaiún e Marrocos só entregou onte 5 cadáveres ás familias”. Reprochou ao Goberno español que admita a versión marroquí, “é o pior que pode pasar”. Referiuse á ONU subliñando o veto de Franza á solicitude do Consello de Seguridade para que se abra unha Comisión de Investigación co acontecido no campamento saharaui.

Afirmou que “non entendemos por que o Goberno español non condena o que está a pasar no Aaiún. Marrocos quer facer unha limpeza étnica en silenzo e España axuda”. Engadiu que o Goberno español “non está a axudar e dá oxíxeno a Marrocos para seguer coa limpeza étnica”. Preguntouse “como é posíbel que o Executivo español diga que se necesita máis información cando desde o ano 75 ahi 556 desaparecidos”. Agradeceu a axuda e a solidariedade da sociedade civil do Estado español, das organizacións políticas, o traballos dos medios de comunicación e de moitos artistas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]