Jorquera advirte das graves repercusións económicas e no emprego polo Decreto do Carbón

Ferrol, 25 Setembro 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, asistiu esta mañá á marcha dos camioneiros que protestan así polas negativas repercusións que a aplicación do Decreto do Carbón vai ter na súa actividade económica.

Galiza debería ser unha soa voz neste tema

Nas súas declaracións aos medios de comunicación, o deputado do BNG amosou en primeiro termo o “apoio do BNG á movilización dos transportistas xa que o Decreto do Carbón non só vai prexudicar á actividade directa das centrais de As Pontes e Meirama, senón que vai afectar á economía inducida. Vai ter un impacto moi negativo na actividade económica da comarca de Ferrolterra con repercusións tanto no emprego directo como no indirecto”.

Advertiu ao Goberno central que “a perda de emprego pode chegar á cifra de 1.800 postos de traballo debido á redución drástica da actividade das centrais térmicas”. Desde logo, puntualizou, “serían moi malas noticias nun contexto como o actual de grave crise económica”.

Ante a gravidade da situación e os negros pronósticos, Jorquera fixo un chamamento a ter unha soa voz para parar as intencións da Administración central para coa mineiría galega. “Cremos que é imprescindíbel que Galiza faga ouvir unha única voz neste tema co obxecto de facer fronte aos plans do Goberno español que obvian absolutamente o sistema produtivo da nosa mineiría”.

Críticas ao PP e ao PSOE por dar as costas á mineiría galega

O parlamentar nacionalista tamén se referiu á posición do PP e do PSOE reprochándolles que dean as costas aos mineiros galegos. “Lamentamos que as dúas veces que o BNG levou iniciativas parlamentares ao Congreso dos Deputados para defender a actividade mineira de Galiza, non sairan adiante debido ao voto en contra do PSOE e a abstención do PP. Tamén lamentamos que a Xunta non presentase alegacións ao Decreto do Carbón no seu día, aínda que agora anuncie un recurso”.

Ademáis, Jorquera puxo de manifesto que “non se trata de peder compensacións para a mineiría galega, senón de que o Decreto non prexudique a actividade de As Pontes e Meirama”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]