Jorquera anuncia que o BNG votará en contra dos Orzamentos estatais 2011 "por seren anti-sociais e contraproducentes para sair da crise"

Madrid, 24 Setembro 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, cualificou os Orzamentos estatais para o 2011 de “raquíticos e desnutridos e marcadamente anti-sociais para facer fronte á crise económica. Van precisamente na direción contraria do que se precisa”.

Jorquera reprochou que o Goberno traia á Cámara uns Orzamentos que “non van na direción que se precisa para superar a crise económica ao reducir de forma drástica o investimento produtivo, que afectará a infraestruturas fundamentais de Galiza”.

“Son máis do mesmo”

Critica que o Executivo “renuncie a unha saída social á crise, e estes Orzamentos son máis do mesmo. Concentran os custes da crise nos sectores sociais con menos recursos” e aludiu, en concreto, aos pensionistas, e na redución de prestacións sociais como os recurtes nas prestacións por maternidade e paternidade, e a incapacidade temporal.

Tamén fixo referencia ao novo tramo do IRPF para as rendas máis altas como “un caramelo destinado aos que demandan unha saída da crise máis xusta e equitativa. É totalmente insuficiente porque o que se precisa é unha reforma fiscal integral que mellore a progresividade do sistema impositivo, revise a suba da IVA e teña como obxectivo a redución da fraude fiscal”.

O parlamentar nacionalista afirmou que a obsesión do Goberno por reducir de forma precipitada o défice lévalle a procurar o equilibrio orzamentario con medidas como o recurte no gasto social ou a redución do investimento produtivo que é “imprescindíbel para favorecer a recuperación económica”. Criticou as políticas do Executivo que, falto de iniciativa propia “se adica a aplicar obedientemente as receitas do FMI, dos poderes financeiros, da UE e da dereita económica”.

Francisco Jorquera pón de manifesto que as contas do Estado “tampouco fan nada para cambiar o modelo económico, non valen para modificar o patrón de crecemento. Onde está a aposta pola investigación e a innovación, ou pola formación?”, preguntouse.
“Onte debatíamos no Pleno o proxecto de economía sostíbel e advertíamos da oportunidade perdida. Lamentabelmente, hoxe temos que falar doutra oportunidade perdida para reorientar o modelo económico desde unha óptima social”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]