Espinosa recoñece a Davila que o sector lácteo galego é o que está na pior situación da UE

Madrid, 22 Setembro 2010. A Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, respostou á deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que no vindeiro Consello de Agricultura da UE do día 27, o Goberno español levará “as conclusións que se recollen nas recomendacións do Grupo de Alto Nivel que se realizou baixo a Presidencia española”.

A deputada do BNG dirixíuse á Elena Espinosa na sesión plenaria de hoxe para preguntarlle que medidas vai levar á UE para impulsar o sector lácteo que atravesa por un dos seus piores momentos debido ao baixo prezo do leite en orixe.

A UE ten que actuar na regulación do mercado

Davila recoñeceu que moitas das medidas do Grupo de Expertos “son acertadas porque recollen medidas que o BNG defende, algunhas delas aprobadas nesta Cámara a iniciativa nosa” pero demandou que se vaia máis alá para que se garanta o cumprimento dos contratos entre os gandeiros e a industria. E tamén ten que actuar na regulación do mercado”.

A deputada do BNG enfatizou que “nos preocupa que os acordos a acadar sexan iguais aos anteriores, reducidos a políticas de impulso da relación contractual que non son suficientes”. Remarcou que os contratos entre os gandeiros e a industria no Estado español adoecen dun altísimo nivel de incumprimento. Subliñou que “a UE ten que garantir o cumprimento das relacións contractuais que no Estado español non existe. E tamén ten que actuar na direción de regular o mercado”.

A parlamentar nacionalista díxolle á Ministra de Medio Ambiente que o “mercado non é ese Señor libre ao que non se lle pode hincar o dente. Hai que regulalo porque o sector agrario é un sector fundamental” pola súa incidencia na cadea alimentaria. “Non se pode seguer a considerar o sector lácteo como unha economía inferior do capitalismo”. “Señora Ministra, regulen medidas no mercado que teñan en conta os custes de produción,, medidas legais que garantan o prezo en orixe do leite e permitan a viabilidade do sector”.

Espinosa afirma que o sector lácteo galego o que está en pior situación

Na súa réplica ao BNG, Elena Espinosa afirmou que se “está a superar a crise do sector lácteo a nivel europeo”, máis, recoñeceu que “en Galiza os prezos están por debaixo da media europea e por debaixo da media de España”. Voltou a falar das conclusións do Grupo de Alto Nivel mencionando a necesidade de aumentar a capacidade de negociación dos gandeiros, apoio á innovación e investigación, entre outras medidas, pero entre as que non está a regulación do mercado lácteo.
A Ministra engadiu que neste ano a Comisión Europea recollerá estas medidas en forma de iniciativa lexislativa.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]