Pérez Bouza denuncia a deformación da toponimia galega na web do Ministerio de Cultura

Madrid, 20 Setembro 2010. O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, denunciou esta mañá en rolda de prensa “as barbaridades” que a Administración do Estado está a cometer coa toponimia oficial de Galiza con “perlas do estilo de “Junquera de Ambía”, “El Bollo”, “Poyo”, “Monasterio de Osera”, entre outras moitas, e que achegamos nun arquivo.

Xosé Manuel Pérez Bouza puxo de manifesto que “as reiteradas vulneracións da toponimia oficial de Galiza por parte do Estado é unha mostra clara e evidente da falla de respecto para con Galiza, para coa cidadanía galega xa que a nosa toponimia forma parte do patrimonio dun pobo”.

Na web do Ministerio de Cultura

Explicou que “é na páxina web do Ministerio de Cultura, en concreto, na fiestra pola que se accede ao Patrimonio Histórico e de aí aos Bens Culturais Protexidos, onde atopamos auténticas barbaridades na escrita dos nosos topónimos”. O senador do BNG sinalou que se parte de “Orense” ou “La Coruña” para logo cometer sinsentidos do tipo: “PUente de Bibey”, “Junquera de Ambía”, “Ordenes”, “Puebla del Caramiñal”, “Villanueva de Arosa”, “Caldas de Reyes”, “Puentecesures”, “Vivero”, “Lorenzana”, entre outras moitas”.

O senador do BNG comezou por resaltar os incumprimentos da toponimia no que atinxe a Ourense, para logo percorrer os de A Coruña, Lugo e Pontevedra e que achegamos ao final desta nota de prensa.

Esta é a razón pola que o senador do BNG rexistrou unha moción no Senado na que pede ao Goberno que transmita as directrices precisas a todos os Ministerios e óraos dependentes da Administración do Estado para que respecten a toponimia oficial de Galiza. “Pedimos que se cumpra a lei e que o Ministerio de Cultura corrixa de maneira imediata as deformacións da nosa toponimia que están na súa páxina web”.

Lembra Pérez Bouza que hai tempo que o BNG vén de denunciar estas vulneracións que non só comete o Ministerio de Cultura, “témolas visto no Ministerio de Fomento, no Ministerio de Interior coa renovación do DNI, ou incluso no Ministerio de Ciencia que nunha carta á Universidade de A Coruña chegou a escreber “Ferrol del Caudillo”, o que xa vai máis alá da deformación da toponimia posto que utiliza un termo do franquismo, antidemocrático”.

**Listaxe de formas toponímicas deturpadas recollidas da web do Ministerio:

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]