Novas
Os nacionalistas piden que o PXOM se faga público tralas modificacións feitas pola Xunta
Boborás, 19 de xaneiro de 2011. Tralas modificacións efectuadas pola Xunta de Galiza no Plan Xeral de Urbanismo de Boborás, o grupo municipal vai solicitar que se volva facer público dado que sufriu cambios moi importantes. Así, e segundo apunta a voceira nacionalista, Dolores Cachafeiro, moitos veciños e veciñas que pensaban que tiñan propiedades urbanizables se atopen agora con que eses terreos se clasifican como non aptos para urbanizar. [+]
O BNG critica a presión fiscal á que someten aos veciños e veciñas de San Cibrao
San Cibrao, 19 de xaneiro de 2011. O Portavoz nacionalista en San Cibrao, Miguel Álvarez Campos, critica duramente os orzamentos que presenta o Partido Popular para o 2011 xa que se manteñen nos 4 millóns de euros pero a costa de aumentar a presión fiscal aos veciños e veciñas do concello. Para este ano, o catastro vai subir un 12% e o recibo da auga verase incrementado nun 1,8%. A isto hai que sumarlle a subida da taxa pola recollida do lixo, o recibo da luz e outros impostos autonómicos e estatais cos que se está sangrando á cidadanía.
Segundo o BNG, un concello como San Cibrao, que viviu unha bonanza económica pero non soubo xestionar os recursos, non pode pretender que agoran sexan os veciños e veciñas quenes paguen a crise.
Miguel Álvarez Campos apunta que o orzamento non é inversor e que, como en anos anteriores, as partidas máis cuantiosas son a de persoal e gasto corrente.
Guillerme Vázquez visita Manzaneda e lamenta que o centro de día siga pechado
Manzaneda, 12 de decembro de 2010. O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o alcalde de Manzaneda lamentaron que o centro de día sega sen dar servizo aos maiores do concello. Este centro tiña que ter entrado en funcionamento no mes de febreiro dado que só estaba pendente do mobiliario, porén, a día de hoxe, non hai indicios de que vaia abrir a curto prazo xa que nos orzamentos da Xunta para o ano 2011 non hai ningunha partida consignada para o efecto.
Na súa visita a Manzaneda, Guillerme Vázquez, destacou a mellora na calidade de vida dos veciños e veciñas pola acción do goberno nacionalista que preside David Rodríguez Estévez.
Pola súa banda, o rexedor lamentou o escaso interese que para o goberno de Núñez Feijóo ten Manzaneda, non so polo retraso na apertura do centro de día senón tamén pola falla de colaboración no mantemento da residencia de anciáns que lle está a supor ás arcas municipais unhas perdas de 260.000 € ao ano. [+]
Esixen máis investimentos para a comarca do Macizo
Manzaneda, 30 de novembro de 2010. Os responsábeis nacionalistas na comarca do Macizo, fixeron públicas as emendas presentadas aos orzamentos da Xunta de Galiza. Consideraron insuficientes os 700.000 € orzamentados tendo en conta que se trata dunha zona de montaña con moi malas comunicacións e unha clara falla de servizos públicos.
Segundo apuntou o alcalde de Manzaneda, David Estévez, precisaríanse alomenos 11 millóns de euros para, entre outras actuacións, construir o enlace da estrada de Trives coa Nacional 120, impulsar a futura autovía A-76, mellorar as redes de abastecemento, contruir máis centros de día para os maiores así como plans de selvicultura e outras actuacións relacionadas co medio rural. [+]
Urxe que o goberno de San Cibrao se pronuncie sobre qué medidas tomar ante os vertidos
San Cibrao, 30 de novembro de 2010. O BNG, xunto cos socialistas, pediron a celebración dun pleno extraordinario para que o goberno local que preside a alcaldesa do PP, Elisa Nogueira, se pronuncie dunha vez por todas sobre se quere ou non buscar unha solución á contaminación do rio Barbaña.
Esta petición chega logo de que, a pasada semana, o grupo de goberno se negara a debater a moción presentada polos nacionalistas na que pedían que o Concello de San Cibrao , xunto coa Xunta e o goberno central executasen medidas urxentes para acabar cos vertidos.
Segundo apunta o voceiro nacionalista, Miguel Álvarez Campos, o Partido Popular non pode quedar paralizado ante uns feitos que se repiten con demasiada frecuencia nos últimos tempos como tampouco pode quedar impasíbel ante as multas impostas que acabarán lastrando o futuro económico do Concello. [+]
No Carballiño inician unha campaña de concienciación para a recollida dos excrementos dos cans
O Carballiño, 19 de novembro de 2010. O concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Bernardo García, puxo en marcha unha campaña de concienciación para que os donos de mascotas recollan os excrementos na vía pública. A campaña consiste na entrega gratuita de bolsas de papel reciclado que se poderán recoller nas clínicas veterinarias do Carballiño e nas propias oficinas da concellaría de Medio Ambiente.
Ante as numerosas queixas veciñais acordóuse recurrir a esta medida para concienciar ás persoas na necesidade de ter unha conduta responsábel cando saen a pasear aos seus animais. [+]