Presentado o Estudo de Detalle para a revitalización da rúa Pelaio, no sur da zona histórica

O documento comeza mañá a súa tramitación coa aprobación inicial na Xunta de Goberno Local

O concelleiro Fernando Varela: desta forma, o Concello deixa establecidas as liñas xerais de actuación urbanística, bases sobre as que a iniciativa privada poderá desenvolver a intervención.

Ourense, 20 de xuño de 2012.- Este mércores presentouse no Salón de Plenos o Estudo de Detalle da Unidade de Actuación 15 do PEPRI da zona histórica. Concretamente a actuación abrangue as inmediacións da rúa Pelaio, o cal permitirá a obtención dunha praza pública de nova creación e a posta en valor do conxunto arquitectónico da Igrexa da Trinidade e os seus anexos.

Na presentación estiveron o concelleiro de vivenda, Fernando Varela e o Xefe do Servizo de Rehabilitación, Jose Manuel Oliver, acompañados por parte do equipo redactor, formado polos arquitectos José Antonio Padrón e Gerardo Cid. Elsa Borbujo e a arquitecta técnica Ana Bailón, que non estiveron presentes, pero tamén formaron parte do equipo redactor, elexido polo seu coñecemento do ámbito de actuación e por colaborar nas tarefas do Servizo de Rehabilitación dende fai moitos anos.

A redacción deste documento de planeamento urbanístico é unha esixencia establecida no Plan Especial de Protección e Reforma Interior da zona histórica de Ourense. Tódalas unidades de actuación recollidas precisas da formulación do documento, antes do desenvolvemento do proceso de xestión urbanística, urbanización e edificación. Esta esixencia foi introducida pola administración autonómica no intre da aprobación definitiva do PEPRI da zona histórica, no ano 1996.

A decisión de redactar este documento urbanístico partiu de xeito conxunto e coordinado entre a concellaría de Vivenda e Rehabilitación Urbana, e a concellaría de Urbanismo, acordándose ademáis que fora ista última a que financiase o custo da súa redacción.

Desta forma consíguese impulsar unha actuación no sur da zona histórica, que é a máis necesitada de intervención, e pola que se ven apostando firmemente con diversas intervencións públicas en edificación e servizos como son o Centro Cívico ou o Centro de Iniciativas Empresariais.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]