Rumbo e Turismo de Ourense únense para impulsar o turismo na cidade

A axencia de viaxes on-line, líder en vendas en España, desenvolverá produtos turísticos específicos para dar a coñecer Ourense entre os viaxeiros.

O acordo, que se prolongará durante un ano, inclúe a comercialización de paquetes turísticos, obradoiros de innovación, social trips, concursos e campañas de promoción.

Ourense, 8 de xuño de 2012.- Rumbo, a axencia de viaxes on-line líder en vendas no Estado Español segundo IATA –International Air Transport Association-, e a Concellaría de Turismo, a través da empresa de Turismo de Ourense S.A., presentáronlle hoxe ao sector turístico as claves do acordo acadado para promocionaren conxuntamente o turismo na cidade durante o vindeiro ano.

Rumbo, a través do seu portal www.rumbo.es, desenvolverá un conxunto de produtos turísticos experienciais exclusivos de Ourense dirixidos a aumentar e diversificar a oferta turística da cidade. O acto de presentación tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios de Ourense e contou coa presenza de Isabel Pérez González, concelleira de Turismo e presidenta de Turismo de Ourense, e de José Rivera, director xeral de Rumbo.

Con este acordo, cuxo obxectivo final é incrementar as vendas e pernoctacións de viaxeiros na cidade, enriquecerase a oferta de produto e reforzarase a imaxe de Ourense como destino turístico. Isabel Pérez, presidenta de Turismo de Ourense remarcaba que “esta alianza é un paso importante na aposta que desde a concellaría vimos facendo pola presenza do noso produto en Internet, un medio cada vez máis utilizado polos viaxeiros para reservaren as súas vacacións e escapadas”.

A campaña inclúe tamén iniciativas de promoción tales como a creación dun espazo específico dedicado ao turismo en Ourense, presenza publicitaria no portal, posicionamento en buscadores e o envío de ofertas á base de clientes de Rumbo, con máis de 2,5 millóns de subscritores. Ademais, darase a coñecer o destino a través da páxina de Rumbo en Facebook, do canal da agencia de viajes en Twitter e da rede de blogs de Rumbo.

Social trip

Este acordo inclúe tamén a organización de encontros de empresas e institucións do sector con blogueiros, viaxeiros sociais, community managers e especialistas en marketing e comunicación. O obxectivo desta novidosa fórmula de colaboración, coñecida como social trip, é propiciar un espazo enriquecedor para o intercambio de ideas e experiencias entre os diferentes actores involucrados.

Sobre Rumbo

Con máis de dous millóns de clientes, Rumbo é a axencia de viaxes on-line líder en vendas en España. A compañía –participada a partes iguais por Telefónica e Orizonia Corporación–comercializa billetes de todas as liñas aéreas (low-cost incluídas), máis de 100.000 hoteis en todo o mundo, billetes de tren, paquetes vacacionais, cruceiros, alugueiro de coches e seguros de viaxes, entre outros. A principios de 2008, Rumbo adquiriu Viajar.com e Terra Business Travel e lanzou ao mercado Rumbo Negocios, unha nova liña orientada a garantir a PYMES e profesionais aforros de ata un 30% nas súas viaxes de negocios.

Sobre Turismo de Ourense

Turismo de Ourense é unha sociedade anónima constituída por capital mixto entre as empresas privadas, Caldaria Xesmega, Extraco, Subita e Domen e o Concello de Ourense, accionista maioritario. Réxese polos principios de eficacia, cooperación, transparencia e estabilidade e o seu principal obxectivo é fortalecer Ourense como destino turístico. Entre as súas principais funcións figuran a promoción activa e eficaz da cidade de Ourense, apoiar a comercialización do produto Ourense como destino turístico, fomentar a competitividade das empresas a través da formación continua, controlar a calidade da oferta, diversificar os servizos ao turista, implementar novas vías de información e promover a construción de novas infraestruturas e a prestación de servizos aos viaxeiros. Máis información en http://www.ourense.travel/

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]