Presentada a exposición A pintura desde dentro e o corpo como sede da diversidade do artista ourensán César Taboada

En total son 57 obras que estarán expostas na salas I e II do Museo Municipal ata o día 10 de xuño

Ourense, 10 de maio de 2012.- A Concellaría de Cultura, a través do Museo Municipal, continúa co seu labor de apoio aos artistas. Esta mañá tivo lugar a presentación da exposición do ourensán César Taboada, CZAR. A exposición, que se inaugura ésta tarde ás 20.00 horas, leva por título A pintura desde dentro e o corpo como sede da diversidade, e móstranos unha deformación da realidade para plasmar unha forma puramente persoal e artística, emitindo primacía á expresión dos sentimentos máis que a decrición obxectiva do momento.

Acompañando ao autor, estiveron presentes a Técnica de Espazos Expositivos, Eva Torres, e tamén a concelleira de Cultura, Isabel Pérez, que tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que fan posible que o Museo Municipal teña unha programación de primeiro nivel. A edil nacionalista, parabenizou ao artista pola súa aportación xa que sigue contribuíndo a internacionalizar a nosa cidade, e tamén axuda a visibilizar que os artistas plásticos tamén son necesarios na cultura. O propio César Taboada, subliñou éstas teses, e mostrouse agradecido pola magnífica plataforma que representa o museo dos ourensáns para seguir a demostrar que dentro das grandes cidades mundiais, Ourense non ten que considerarse menor no ámbito artístico e cultural.

A exposición, está formada por un total de 57 obras repartidas nos dous andares do museo (salas I e II). No primeiro andar expóñense 23 obras de diferentes formato. Na súa maioría formato medio, algún gran formato e soportes en círculo. No segundo andar, hai 34 obras de tamaño medio. A técnica xeral baséase en serigrafía e óleo sobre lenzo, e tamén óleo sobre seda.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]