O BNG acusa ao PP de afundir os mercados e feiras do Porriño
O Porriño, a 27 de setembro de 2012. O BNG do Porriño, a través da súa portavoz municipal Mónica Bugarín, acusa ao PP e ao Alcalde, Nelson Santos, de afundir o mercado tradicional e as feiras do Porriño, agravando aínda máis a crise económica que viven sectores como o comercio local e a hostelería.
Nos últimos meses o mercado e a feira perderon un importante número de vendedores e de oferta, véndose agravado nas últimas semanas como consecuencia da ordenanza municipal de venda ambulante aprobada por todos os grupos, coa única oposición do BNG, e que implica a expulsión do mercado e das feiras dunha parte dos vendedores e vendedoras que durante moitos anos ofrecían os seus produtos. A esa medida engádese a eliminación dos días 1 e 16 de cada mes como días de feira, decisión tomada polo PP o pasado ano.
Mónica Bugarín lembrou os efectos desastrosos que en Ponteareas tivo a mesma medida tomada hai varios anos tamén polo PP, pois desde que unha parte dos e das ambulantes foron expulsados, as feiras e mercados na vila veciña decaeron de forma espectacular e O Porriño, por decisión do PP, vai polo mesmo camiño.
O BNG acusa ao PP e a Nelson Santos de causar un prexuízo incalculable ao comercio e a hostelería local. Coas súas medidas, o PP e Nelson Santos están a dilapidar definitivamente o mercado tradicional no Porriño, levándose por diante o comercio e a hostelería. Mónica Bugarín esixe ao concello que retire a ordenanza e regule adecuadamente os mercados e feiras para que sigan tendo vitalidade e beneficien importantes sectores da nosa economía local como son o comercio e a hostelaría.