Pedro Pereira ocupará o nº 7 na lista do BNG pola provincia de Pontevedra
O Porriño, a 24 de setembro de 2012. O deputado galego e cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra nas vindeiras eleccións autonómicas, Carlos Aymerich, visitou hoxe O Porriño para participar na celebración das festas locais, despois de ter asistido en Pontevedra á presentación da lista da organización nacionalista na provincia. Profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña, Carlos Aymerich é membro do Consello Nacional e da Executiva do BNG, ademais de ter sido deputado no Congreso entre os anos 2000 e 2004. Na súa visita, estivo acompañado polas persoas candidatas da comarca nas listas do BNG por Pontevedra, o porriñés Pedro Pereira e a concelleira de Salvaterra de Miño, Patricia Mariño, así como por militantes e simpatizantes da fronte nacionalista no municipio.
Os porriñeses e porriñesas temos a grande oportunidade o próximo día 21, da man do BNG, de apostar por un goberno que sexa dique de contención das políticas antisociais do PP, que non serven para saír da crise e que benefician a uns poucos a costa de empobrecer á grande maioría. Precisamos abrir un novo tempo político, caracterizado por políticas realmente alternativas, que rexeneren a democracia, que aposten por poñer o País a producir, por afortalar os servizos públicos, nomeadamente ensino e sanidade, e por políticas que defendan e amplien o autogoberno.
As persoas candidatas da formación nacionalista afirmaron que para enfrontar as políticas da dereita e das elites económicas é preciso concentrar e sumar esforzos en torno ao BNG, a única alternativa posíbel aos recortes do PP e o mellor instrumento para avanzar, desde a esquerda e o nacionalismo, en máis autogoberno e benestar.
Pedro Pereira, nº 7 da lista do BNG
O que fora membro do goberno do BNG no Porriño entre os anos 2003 e 2010, Pedro Pereira, ocupará o número 7 da lista pola provincia de Pontevedra. Actualmente, Pereira é o responsábel portavoz do BNG no Condado. A comarca do Condado-Louriña estará tamén representada pola concelleira de Salvaterra de Miño, Patricia Mariño (nº14 da lista).