O BNG do Porriño denuncia a destrución do patrimonio arquitectónico polo Partido Popular
O Porriño, 14 de setembro de 2012. O BNG do Porriño quere denunciar o recente desmantelamento dunha casa de pedra de tres plantas, histórica, céntrica e de titularidade municipal, ubicada no entorno da Igrexa e que databa de 1805, e que para o BNG debería ter sido rehabilitada para usos municipais, como instalacións de tipo cultural ou xuvenil, deficitarias neste concello.
O BNG advirte que co desmantelamento da casa descártase a rehabilitación do edificio e pérdese a posibilidade de conservalo nun entorno que debería ser especialmente protexido como é a rúa Manuel Rodríguez por onde transcorre o camiño de Santiago e se encontran edificios importantes como a Igrexa, a Capela e o Palco de San Bieito.
A portavoz municipal do BNG, Mónica Bugarín, manifestou o seu rexeitamento a esta actuación municipal “que pon de manifesto a falta de ideas e proxectos do goberno do PP e a súa actuación insensíbel e agresiva co noso patrimonio histórico e arquitectónico”. Desde o BNG consideramos esperpéntico que o PP xustificase a súa actuación na erradicación do feismo no Porriño. Mónica Bugarín lamentou que “para o Alcalde Santos, un edificio histórico de pedra sexa feismo” e lembrou que “para a xente normal feismo é o resultado do urbanismo salvaxe e destrutor practicado polo PP durante décadas no Porriño”.
O Bloque quere coñecer o coste do desmantelamento, do transporte das pedras e do seu almacenamento e conservación, así como da súa posible reconstrución. Mónica Bugarín cre que a actuación, ademais dunha agresión ao patrimonio, “é un despilfarro de cartos públicos, pois o edificio se podería ter apuntalado con moito menos custo mentres non se rehabilita”. A portavoz nacionalista considerou inaudito que “un goberno municipal por non saber que facer cun edificio da súa propiedade decida desmontalo para reconstruílo no futuro cando se lle ocorra algunha idea. É realmente ilustrativo da incompetencia que soportan os porriñeses”.