O BNG reclama que o PXOM manteña a ubicación do Pavillón e que se preserve o porto pesqueiro

Nigrán, 26 de outubro de 2010.- O BNG de Nigrán, en relación ao avance do PXOM que xa foi exposto ao público durante dous meses, presentou as súas alegacións. Así, o BNG reclama que na documentación do PXOM figure que o polideportivo municipal continúe na mesma ubicación. Asemade, este documento tamén debe contemplar a eliminación da peaxe da autoestrada que comunica co Parque Empresarial Porto de Molle.

Igualmente, o partido nacionalista considera que o novo PXOM debe manter o porto pesqueiro con ese único destino e finalidade, pois é o medio de vida dos mariñeiros e a súa desaparición ou o seu uso compartido con embarcacións de recreo suporía a perdida do seu carácter e o  arrinconamento e posterior desaparición da actividade pesqueira.

Segundo a responsable local dos nacionalistas, Cristina Fernández, a estas suxestións débese engadir a adaptación completa do Avance do PXOM e da documentación que o integra a nova lei do Solo, así como establecer unha protección íntegra do litoral sin excepcións. Ao respecto, lembra que o Pleno da Corporación Municipal de Nigrán do mes de abril manifestou o seu rexeitamento á totalidade do Plan de Ordenación do Litoral (POL); “polo tanto, procede establecer unha protección íntegra do litoral, sen excepcións concretas, pois esas excepcións unicamente defenden intereses urbanísticos e especulativos”, asegura.

O BNG considera que o Avance do PXOM debe incluir tamén un estudo do medio rural e unha análise de asentamento poboacional (previa redacción dun estudo de Mobilidade Sostible do Concello de Nigrán). Así, o BNG recorda que non se pode plantexar un vial de alta capacidade sen antes ter o Estudo de Mobilidade. Ademáis, é preciso un informe de sustentabilidade ambiental e memoria ambiental no que se analice o impacto do PXOM sobre os recursos naturais e o medio físico, así como un catálogo de elementos que se deben protexer e recuperar (patrimonio histórico-tradicional).

Finalmente, é tamén preciso que se teña en conta a reserva de solo para vivenda protexida (a porcentaxe correspondente do 30%).

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]