Os veciños de Nigrán pagarán un 180% máis pola auga

Nigrán 9 de outubro de 2010.- O Proxecto de Lei sustitúe ao actual canon  e gravará por igual o consumo ou utilización de auga procedente de captacións propias (traídas veciñais ou pozos) e a procedente de abastecemento municipal. Os desempregados, xubilados ou colectivos en risco de exclusión social non terán ningún desconto, só se contempla no caso de familias numerosas (un 50%). A subida na factura de tódolos veciños verase triplicada.

O Proxecto de lei plantexado polo PP afectará especialmente a  este Concello, onde paradóxicamente máis da metade da poboación  non dispón de abastecemento público nin de rede de saneamento. Se se dan estas dúas condicións (nin traída nin saneamento) poderán reducir nun 80% a cota, pero só mentras que non lles chegue o saneamento. Ademáis, deberán desembolsar unha cantidade importante de cartos para instalar obrigatoriamente contadores homologados, e de non facelo nun prazo de 6 meses abonarán o canon por estimación obxectiva de consumo, do contrario poderán ser sancionados con multas de ata 30.000 €. 

Por outra banda, os titulares das traídas colectivas non terán ningún tipo de desconto e se consideran responsable solidarios do pago do imposto por parte dos usuarios, é dicir, eles mesmos serán os responsables de xestionar os cobros. Este caso é especialmente grave en parroquias como Camos, onde existen ata catro comunidades de augas, e Chandebrito, con tres. Estas familias, asociadas nas comunidades de augas, captan o líquido de manantiais no monte. “Esta xente que financiou as súas traídas colectivas terá tamén que pagar por un servicio de abastecemento municipal que non recibe e ninguén lles ten informado”, explica Cristina Fernández, responsable do BNG de Nigrán. “O que a Xunta pretende con todo isto é privatizar a explotación das augas”, conclúe.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que esta nova lei vai en contra da Directiva Marco de Auga, vixente dende o ano 2000. Esta normativa europea  recolle na súa primeira consideración  que a auga “non é un ben comercial como os demáis, senon patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal”.

“O PP só busca aumentar a capacidade recadatoria da Xunta, asumindo a auga como un negocio máis”, afirma Cristina, quen recorda que o proxecto de lei foi elaborado sen consultar aos concellos galegos e sen discusión previa.

O BNG de Nigrán reuniuse onte coa asociación de veciños de Chandebrito e xa o fixo coas catro comunidades de augas de Camos e coas asociación de veciños de Nigrán, Panxón, Chandebrito e Ramallosa. “Eles non sabían absolutamente nada do tema, ninguén lles informou, e están indignados”, sinala Cristina, quen se sentará nos vindeiros días coa asociación veciñal de Parada e coas tres comunidades de augas de Chandebrito.

Dende o BNG de Nigrán pedimos a retirada do Proxecto de Lei de Augas de Galiza e que se elabore un novo que sexa sometido a consulta pública. Este novo deberá garantir o acceso ao ciclo completo da auga a tódolos cidadáns en igualdade de condicións.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]