O PP vota en contra dunha moción do BNG que pedía manter o poder adquisitivo dos empregados públicos
Logo da publicación do RD 20/2012, os empregados e empregadas públicos, viron como o goberno lles retiraba a paga extra que ían cobrar este mes de decembro. Un paso máis na desastrosa e errática política económica que para solucionar a crise actual, está levando a cabo o goberno do PP desde Madrid.
O BNG de Mos presentou unha moción a debatir no pleno deste mes, na cal se pedía rexeitar este RD, así como compensar a perda que suporía a retirada da paga extra aos traballadores do concello. O PP ía votar a favor da moción nacionalista, sempre e cando se admitira un texto que presentaron, pero o BNG non o admitiu xa que suporía desvirtuar de gran maneira a moción .
Polo tanto, e tras votar en contra da moción do BNG, o PP de Mos demostra que está de acordo coas medidas que está levando o goberno de Estado. Está de acordo en reducir a capacidade adquisitiva dos empregados públicos, cuestión que vai incidir de xeito determinante na recadación de impostos que se poidera facer este decembro. E o que vai traer consigo un retraemento do consumo que acrecentará a recesión económica no noso concello.
Desde o BNG de Mos, esiximos ao goberno do PP do noso concello, que xa que vota en contra de impedir a perda de poder adquisitivo dos traballadores do concello, que os 4 concelleiros que teñen adicación exclusiva, e por suposto tamén a alcaldía, renuncien á súa paga extra, ou á parte proporcional que corresponda.
Esto tería que formar parte da imprescindible reducción de adicacións exclusivas que hai neste concello. Estanse gastando 170.000 euros anuais en salarios ( 28 millóns de pesetas), cantidade que coa crise actual, e co traballo que se realiza desde as distintas concellerías, pódese reducir sen ningún tipo de problema nin merma na calidade no servizo ao cidadán.