O concello non pode ser unha oficina de emprego

A verdade é que non sorprende moito a continua mestura entre o privado e o público que fai o PP. A utilización do concello como oficina de emprego, xa vai sendo habitual no goberno do concello de Mos. Esa confusión no que debe de ser a obriga dun concello é algo totalmente premeditado.

En Mos xa estamos acostumandonos a ver e a escoitar como se ofrece a institución municipal para facer de oficina de emprego, para recibir, transmitir ou para facer a saber que, cos currículumns das persoas que están a buscar emprego.

O único lugar onde as empresas deben ir buscar traballadoras e traballadores, deben de ser ás oficinas de emprego, que están claramente identificadas. Que o PP reciba dalgún xeito os curriculumns dos cidadáns que buscan emprego, preocúpanos seriamente, e non é nin máis nin menos, que polo histórico e nefasto xeito de caciquear deste partido, e que recoñece como unha das súas razóns de ser.

Este constante xogar coas necesidades das persoas desempregadas, víctimas dunha crise que elas non crearon, e que o PP afonda cos seus decretazos económicos en Madrid, demostra as claras os xeitos de actuar de certos partidos poíticos.

Aínda para agravar máis este tema, o concello págalle unha comida ao directivos de AKI o día 15 de xuño, nun caro e coñecido restaurante vigués, onde entre todos e todas pagamos 301 euros. Este pretendido xantar de protocolo ou agradecemento a esta empresa que se vai asentar en Mos, ao BNG non lle parece o xeito correcto de actuación. Non podemos gastar nin un só peso en xantares deste tipo. A empresa ven a este concello porque lle sae rentable, senon non viría. Pero este tipo de xantares, que xa se tiveron con Gadis, e se terán con Mercadona, poden servir sen dúbida para que o PP faga das súas, e influir no proceso de selección.

Sorprende ademais, ver como estas grandes empresas se prestan a este tipo de xogos, e por suposto que teñen a súa parte de responsabilidade por participar neste tipo de montaxes .

En definitiva, enmascarado cunha implantación dunha empresa, atopámonos outra vez máis coa actuación pouco clara dun partido que históricamente demostra que non é de fiar, que xoga coas necesidades das persoas vendendo favores, e por suposto, o BNG nunca vai apoiar este tipo de actuacións

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]