O BNG de Mos esixe a reducción de dedicacións exclusivas no goberno do concello
O BNG de Mos rexistrou unha moción para tratar no pleno, o día 11 de setembro, nesta moción esiximos que se reduzan o número de dedicacións exclusivas que ten o goberno do concello de Mos.
Estanse gastando 170.000 euros anuais en salarios ( 28 millóns de pesetas), cantidade que coa crise actual, e co traballo que se realiza desde as distintas concellerías, pódese reducir sen ningún tipo de problema nin merma na calidade no servizo ao cidadán. Calquera comparación interesada con tempos pasados, e con gobernos pasados, tal como ten costume a alcaldía, non ten razón de ser, xa que non vivimos a mesma situación que hai anos.
O BNG considera que con dúas dedicacións exclusivas son suficientes, unha a da alcaldía, e outra a que o goberno decida. Por suposto, o salario da alcaldía debe ser o mesmo que o percibido no anterior mandato.
Tamén neste escrito, esiximos que os que cobran estas dedicacións, así como o persoal de confianza, non cobren a paga extra tal como fixo o PP aos empregados públicos. Este punto aceptouno o PP de Mos, xa que o mesmo día 11 de setembro, a alcaldía propón a eliminación de dita paga a estes concelleiros.
Estas medidas suporán un acto de xustiza e homologación co que están a sufrir os empregados públicos e os cidadáns en xeral, axudando ademais, a equilibrar a economía municipal.