o BNG de Mos contra o peche da oficina do Rexistro da Propiedade

Un máis dos recortes levados a cabo pola Xunta de Galiza, trae como consecuencia o peche da oficina do Rexistro da Propiedade de Redondela, lugar onde os veciños e veciñas de Mos imos para resolver todos os problemas relacionados con ese tema.

A través destas oficinas liquidadoras nos diferentes Rexistros da Propiedade se veñen realizando todas as xestións relacionadas con sucesións, transmisións, actos xurídicos documentados, societarios, etc., ademais da correspondente liquidación das taxas e xestións como as relacionadas coa interposición de recursos de reposición, comprobación de valores, notificacións ou requirimentos ás persoas interesadas, entre outras.

Ademais a existencia nas mesmas de persoal especializado no ámbito do dereito civil, propiedade, etc. permite prestarlles ás persoas do ámbito de actuación no que se atopa o noso concello, servizos de información e asesoramento ao tempo que actúan como arquivos de documentos e escrituras privadas. Hai que ter en conta que en Galiza non hai tradición de escritura pública polo que resulta moi importante o labor de arquivo de escrituras privadas que veñen realizando estas oficinas, xa que arquivan un exemplar de cada documento privado que é obxecto dalgún trámite nesa oficina e queda alí para o futuro; podendo as persoas interesadas acudir en caso de extravío ou para futuras partillas de persoas herdeiras

A partires de decembro deste ano, ao non renovar o convenio con estas oficinas, os habitantes do noso concello van ter que ir a Vigo para facer o que ate o de agora se facía perto da casa, o que significará máis gastos para os cidadáns, e unha masificación nas oficinas de Vigo. Sendo ademais moi grave a perda de postos de traballo que trae consigo este peche.

Pero o que tamén nos indigna, é que o PP de Mos, presente tamén unha moción contra este peche, algo que demostra ate que punto a demagoxia e a hipocresía está dentro deste partido. Como se pode intentar quedar ben con todo o mundo, se é o propio PP o que fai os recortes, se é o mesmo partido ao que pertencen o que pecha a oficina do Rexistro. O intento de lavar a cara saíndo na prensa non pode desviar a atención deste acto que demostra unha vez máis as incoherencias dun partido que aplica os maiores recortes xamais vistos, e que nas localidades intenta pasar de largo como se eles non foran responsables destes mesmos recortes.
Se realmentes e está contra o peche deste servizo, o BNG espera o apoio de todos os partidos da corporación á moción que presenta para este pleno.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]