O BNG reclama a comparecencia do Alcalde para explicar un presunto fraude de case 6000 € en combustible no concello.
O BNG reclamará a comparecencia urxente do Alcalde de Mondariz para dar explicacións sobre as irregularidades detectadas na compra de combustible para o concello, durante cando menos, os últimos catro anos, e para dar explicacións de porqué, un operario municipal con antecedentes de outro fraude telefónico acontecido no 2007, carece de calquera tipo de seguimento durante todo este tempo por parte do responsable de persoal do concello, nomeadamente o alcalde e o equipo de goberno do PP.
O BNG vén de ter coñecemento que un traballador municipal – coñecido comisario político do Partido Popular- defraudou, presuntamente, ao Concello de Mondariz un total de 5.436,83 € entre xaneiro de 2006 e decembro de 2009 en albaráns falseados de combustible. O traballador, tería falsificado ao longo de tres anos a sinatura doutro funcionario, responsable de autorizar a adquisición de combustible na gasolineira de Mondariz Balneario.
O traballador acudía á estación de servizo, de media, unha vez por semana, adquirindo distintas cantidades de combustible, aínda que en ocasións presentábase máis dunha vez, de aí que algúns meses a presunta fraude superase os 300 €, segundo puido saber o BNG local.
O Estatuto Básico do Empregado Público censura “a prevalencia da condición de empregado publico para obter un beneficio indebido para si ou para outro”, polo que de confirmarse a súa responsabilidade tería cometido unha falta cualificada como moi grave por este mesmo texto legal.
Reincidencia
Para o BNG, “no Concello de Mondariz chove sobre mollado, e de confirmarse a responsabilidade deste funcionario, volvería deixar en evidencia ao máximo responsable desta situación: o alcalde e o grupo de goberno do PP ”, a quen o BNG preguntará:
1.- ¿Cómo se explica que o Concello non detectase ningunha irregularidade nos custes de combustible de vehículos municipais ao longo dos tres últimos anos?; ¿Cómo é posible que este traballador, cos seus antecedentes, non fose obxecto dun control especial por parte da alcaldía?.
2.- ¿Por qué se nega a convocar oposicións libres para dar cumprimento aos principios legais de igualdade, capacidade, mérito e publicidade?.
Os nacionalistas solicitamos a comparecencia urxente ante o Pleno de Julio Alén para dar todas as explicacións.