A Consellería de Medio Rural concede unha subvención de 50.000 € para rematar o Centro Social de Meirol
A Consellería de Medio Rural que dirixe en funcións o nacionalista Alfredo Suárez Canal vén de resolver unha subvención presentada pola Comunidade de Montes de Meirol para rematar o edificio que acolle o Centro Social da parroquia. O importe total concedido pola consellería nacionalista ascende a 50.000 €.
A Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural –AGADER-, organismo dependente da Consellería de Medio Rural, incluíu o proxecto subvencionado dentro da liña de dotación de Servizos Básicos para a economía e a poboación rural”, creado para dotar á poboación residente nos núcleos rurais de todos os servizos básicos necesarios.
Orgullo e satisfacción
Por todo isto dende o BNG de Mondariz queremos amosar publicamente a nosa máis profunda satisfacción e orgullo porque a consellería nacionalista concedese esta axuda económica para facer realidade unha dotación básica para a parroquia de Meirol: o Centro Social da parroquia, un equipamento que o PP non foi quen de impulsar ao longo dos 16 de anos de goberno na Xunta con maioría absoluta.
O BNG de Mondariz, que acadou un ascenso de 177 votos respecto das eleccións autonómicas de 2005, espera que o novo goberno da Xunta de Galiza sexa quen de estar a altura das circunstancias e chegue a igualar os compromisos adquiridos polas consellerías nacionalistas en Meirol, en Mondariz e no resto do País.