O alcalde de Mondariz Balneario cambia unilateralmente as normas de acceso á gardería que sostén conxuntamente con Mondariz

No ano 2005 os alcaldes de Mondariz e Mondariz Balneario asinaron un convenio para soster en común os servizos de Punto Limpo, Depuradora de Augas Residuais e Gardería. Nese convenio afirmábase que o servizo de gardería ía ser destinado, “en primeiro lugar” aos veciños e veciñas de ambos os dous concellos. O convenio tamén establece que na Gardería “de quedar prazas vacantes poderanse admitir solicitantes doutros concellos”.

 

Novo Regulamento unilateral

 

O 10 de outubro pasado o alcalde de Mondariz Balneario[1], de forma unilateral, procedeu a modificar o regulamento de organización da gardería para darlle preferencia aos solicitantes de Mondariz Balneario, relegando aos solicitantes de Mondariz, que a partir de agora deixan de estar en pé de igualdade cos do Balneario, como acontecía desde 2005.

 

 

O BNG esixe ao alcalde de Mondariz que secunde ao BNG de Mondariz e presente de inmediato unha reclamación ante o Concello de Mondariz Balneario durante o período de exposición pública do novo Regulamento de Organización da Gardería aprobado  unilateralmente por José A. Lorenzo e o PP. Ao tempo esixe ao alcalde de Mondariz (PP) que solicite a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Convenio para esixirlle ao alcalde de Mondariz Balneario que respecte o contido do acordo asinado en 2005 con Mondariz.

 

 

[1] O acordo foi publicado no BOP do 30/10/09, e estable un prazo de 30 días para presentar reclamacións.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]