A Entidade Local Menor de Queimadelos inaugura unha Axencia de Lectura
A Entidade Local Menor de Queimadelos (Mondariz) que preside o nacionalista Manuel Portas vén de inaugurar a Axencia de Lectura da parroquia. Ao acto de inaugural asistiu o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, Luís Bará Torres, quen destacou a aposta da Consellería que dirixe Ánxela Bugallo pola promoción e o achegamento da cultura a todos os niveis.
A Axencia conta xa con máis de 2.000 volumes e un moderno e acolledor equipamento que compartirá espazo en breve cunha aula de informática na que se pretende “achegar aos veciños as novas tecnoloxías, especialmente a aqueles que viven no rural, que son os que teñen máis dificultades para acceder a esta ferramenta imprescindibles hoxe en día”, según afirmou o Alcalde Pedáneo Manuel Portas, quen tamén salientou a importancia de seguir achegando aos veciños e veciñas todos os servizos actuais que redunden na mellora da súa calidade de vida.
O acto inaugural contou coa presenza de case un cento de persoas, o que fixo que o local quedara pequeno para acollelas a todas. O xornada pechouse coa actuación lúdica da Contacontos “María dos Contos” para ledicia de cativos e maiores, que levou a cabo unha actuación con referencias á necesidade de protexer o medioambiente. A Entidade Local agradece a colaboración dos veciños para sacar adiante a iniciativa.