O BNG pide á Subdelegación do Goberno que inste ao Concello de Mondariz a democratizar o rueiro.

As principais rúas do concello de Mondariz seguen a manter no seu rueiro oficial nomes franquistas e preconstitucionais, o que supón un incumprimento flagrante e manifesto do establecido no art. 15 da Lei 52/2007, de 26 de decembro, coñecida popularmente como Lei da Memoria Histórica. Este artigo establece literalmente que:

1. As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.

O Grupo Municipal do BNG solicitou infructuosamente en distintas ocasións ante o Pleno ao longo dos últimos 10 anos a democratización do rueiro municipal, erradicando de vez a nomenclatura franquista e preconstitucional. O PP sempre votou en contra desta iniciativa. Os nacionalistas, no momento de elixir o novo nomenclator que ha substituír ao actual, avogan por priorizar, en primeiro lugar, os nomes tradicionais e populares antes de ningún outro

Por todo isto o Grupo Municipal do BNG vén de remitir un escrito á Subdelegación do Goberno en Pontevedra solicitándolle que inste ao alcalde de Mondariz a dar cumprimento, dunha vez por todas, á Lei 52/2007, de 26 de decembro pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura (BOE nº 310 do 27 de decembro de 2007), concretamente o establecido no seu art. 15, suprimindo do rueiro oficial os nomes do Generalísimo Franco e José Antonio Primo de Rivera.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]