O BNG de Melide pide a Ángeles Vázquez que non fomente a fumigación química para os eucaliptos

O Bloque Nacionalista de Melide pide á alcaldesa de Melide, Ángeles Vázquez que non promocione o método de fumigación con produtos químicos, a través do flufenoxuron, xa que estas fumigacións aéreas levan consigo unha serie de problemas asociados (ademais do seu alto custo) como son a deriva, que provoca que o praguicida chegue a centos de metros e incluso quilómetros do lugar de aplicación. O BNG quere lembrar que as fumigacións aéreas quedaron suprimidas pola Directiva 2009/128/CE, que establece a súa prohibición cando a loita contra unha praga forestal poida substituírse por outros medios desde terra; esta normativa entrou en vigor o 14 de decembro de 2011.

O BNG lembra que este tipo de fumigacións quedan prohibidas na UEUn dos principais problemas do praguicida que se pretende empregar é a afectación para a fauna, con especial atención ao seu efecto sobre as abellas, pois o flufenoxuron é tóxico para as larvas das abellas e o tratamento vai ser realizado na época de máxima actividade deste insecto, co que os danos poden ser de grande importancia.

O grupo nacionalista quere aclararlle ao PP que este tipo de produto tóxico é unha das sustancias que se inclúe dentro da moratoria europea de compostos orgánicos persistentes que deixará de estar permitido pola aplicación da Directiva 91/414/CEE e do real Decreto 255/2003 sobre agrotóxicos. Por este motivo, dende o BNG denúnciase que “é moi grave que o goberno de Melide inste publicamente, e a través de bandos municipais, ao fomento de prácticas que atentan tan seriamente contra o noso contorno, e que ademais non están permitidas pola normativa europea”

O BNG non apoia este tipo de fumigaciónsO BNG non apoia este tipo de fumigación e defende as técnicas alternativas de loita biolóxica, como é por medio do Anaphes nitens. Este método de control da praga derívase principalmente da súa facilidade de adaptación a condicións climáticas e ao seu maior potencial biótico, téndose comprobado amplamente a súa efectividade nos países nos que se ten introducido, e onde se teñen obtido resultados espectaculares (tasas de parasitación de ata o 80%).

O BNG de Melide defende a loita biolóxica, pois ten máis que demostrada a súa efectividade e solicítalle ao goberno local do PP de Melide que non apoie nin difunda este método de fumigación química que é perigoso para a fauna e a saúde das persoas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]