O Concello de Melide condenado a pagar 20.600 euros polo despido de dous traballadores.

O grupo municipal do BNG acaba de ter acceso á acta da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 23 de febreiro, e na que se aproba o pagamento das indemnizacións impostas polos Xulgados do Social nº 1 e nº 4 da Coruña en relación ás demandas presentadas por dous profesores do Conservatorio de Música de Melide. En ambos casos, as sentenzas declaran a improcedencia dos despedimentos e condena ao Concello de Melide á readmisión dos demandantes ou ao aboamento dunha indemnización de 6.300 e 14.311, 30 euros, respectivamente.

O Concello de Melide decidiu, en ambos casos, non readmitir aos traballadores e extinguir así a relación laboral cos mesmos.

O Bloque Nacionalista Galego de Melide levaba meses preguntando en diversos plenos sobre os despedimentos efectuados polo actual goberno, sen que nunca obtivera resposta ás mesmas. Agora, vaise coñecendo a información dos primeiros despedimentos, ao ter que aprobar en Xunta de Goberno Local o pagamento das indemnizacións.

Os nacionalistas afirman que houbo máis despedimentos nos últimos meses e que, de seguro, haberá novas sentenzas contra o Concello de Melide.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]