Guillerme Vázquez chama a frear a privatización dos servizos sociais e ataca "as receitas neoliberais" do Goberno Feijóo

Guillerme Vázquez, que interveu na apertura das Xornadas sobre Servizos Sociais que o BNG celebra ao longo do pasado sábado en Santiago, explicou que non se pode facer pagar aos sectores máis débiles da sociedade a factura da crise económica e reprochou aos populares a involución á que están sometendo os servizos sociais, recuperando un modelo non só privatizador senón tamén de beneficiencia.

"Privatizar os servizos sociais é tanto como facer pagar a factura da crise aos sectores máis débiles da sociedade"O portavoz nacionalista lembrou o traballo realizado polo BNG durante a pasada lexislatura para dotar de equipamentos e de servizos ao conxunto da poboación, pois o fortalecemento dun sistema público e de calidade neste ámbito é imprescíndibel, dixo, para garantir a cohesión social e a igualdade e para combater a exclusión social.

Para o líder do BNG, as actuacións levadas a cabo até o de agora polo executivo de Núñez Feijóo, como o desmantelamento das oficinas de I+B, a privatización dos centros de día, o incumprimento de prazos nas axudas a dependentes, etc. “son claros exemplos da falla de interese deste goberno para consolidar estes servizos públicos e de calidade” polos que aposta o BNG.

O líder do BNG censurou o desmantelamento das oficinasde I+B e a privatización dos centros de díaFronte a este modelo, engadiu, temos “o da espoliación dos bens, que implica baixa da calidade e precarización do emprego, sempre baixo a disculpa da crise económica cando os poderes públicos teñen a obriga de defender estes servizos”.

MAIOR INVESTIMENTO PÚBLICO

Neste sentido, lembrou que os países máis desenvolvidos invisten a maior porcentaxe do seu PIB nos servizos públicos, por iso pediu políticas valentes, “que non son precisamente as que tentar cargar a crise nos ombreiros dos pensionistas, dos que teñen salarios de miseria, dos excluídos”, senón as que “meten en cintura aos grandes mercados financieiros, apostan por unha banca pública, defenden unha reforma fiscal na que paguen máis os que máis teñen e disminúen o gasto improductivo como o gasto militar”.

Guillerme Vázquez afirmou que estas si son “políticas populares” pero populares “de pobo”, que loitan pola igualdade entre as persoas e os pobos, polo emprego de calidade, que teñen en conta os intereses das maiorías sociais, non “populares” de Partido Popular, “que en Galiza quere importar as receitas neoliberais de Camps e de Esperanza Aguirre”.

O portavoz nacionalista concluíu facendo un xogo de palabras co lema desta formación política e asegurou que para conseguir este modelo máis xusto e máis galego si “hai alternativa”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]