Dar resposta aos problemas reais da xente e acadar un novo consenso sobre financiamento, obxectivos do BNG para o inicio do curso no Parlamento

Aymerich afirmou en rolda de prensa, logo da reunión co grupo para preparar o inicio de curso, que Galiza non pode perder poder financieiro, “por iso hai que negociar un modelo que realmente responda ás nosas necesidades, e aínda hai partido”, dixo.

Asemade, advertiu que facer fronte ao desemprego e á precariedade non é seguir “aprobando ERES” senón apostar pola economía produtiva, o que implica, por exemplo, un posicionamento firme en contra da absorción das Caixas por entidades de fóra, tal e como propón Rajoy mentres Núñez Feijóo aínda non se pronunciou, explicou.

Para o portavoz nacionalista, a maioría da xente afronta o próximo período con incerteza polo futuro, fundamentalmente polo emprego e polos servizos públicos, mais garantiu que o BNG vai estar ahí, coas súas alternativas para facer frente a un PP “que non engana a ninguén e que está demostrando ser ineficaz no goberno, traballar para desmantelar os servizos públicos e facer desaparecer os nosos sinais de identidade”.

Aymerich chamou a atención na “rapidez” coa que está traballando o actual Goberno no desmantelamento do sistema público, na Sanidade, na Educación, nos Dependentes... argumentando sempre “que non hai cartos mentres si os hai para subvencionar, por exemplo, os centros privados”, e insistiu en por que non se abren centros xa rematados como o xeriátrico de Vimianzo ou Galescolas como as de Ares, Cangas, Vimianzo, etc.

O voceiro parlamentar afirmou que a medida que van pasando os días fica máis claro que a “austeridade” do PP é sinónimo de “recorte nas prestacións públicas e negocio para os seus amigos”.

Clima Parlamentar

Por outra parte, amosou a súa esperanza en que o próximo curso se inicie de xeito normal e se poida chegar a un acordo antes da próxima Xunta de Portavoces sobre o funcionamento da Cámara, para evitar que se reproduzan os problemas do pasado período de sesións.

Aymerich asegurou estar abertos ao diálogo coa perspectiva de que a mellor fórmula é a que garante a igualdade entre os grupos, para que teñan as mesmas posibilidades e poidan exercer o seu labor de oposición e control ao Goberno.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]