O Goberno Local do BNG investiu máis de 100.000 euros nas instalacións do campo de futbol nos tres últimos anos.

A alcaldesa , Socorro Cea, e o concelleiro de Deportes, Antonio Varela, reuníronse o pasado martes cos dirixentes dos dous equipos de fútbol que usan habitualmente o campo de fútbol municipal (Cire e Atlético Melide).

 O principal motivo deste encontro, convocado polo goberno local do BNG, foi a posta en común dos problemas de deterioro dalgunhas partes da instalación municipal, en concreto da rotura dalgún mobiliario así como de problemas de humidades nos vestiarios, ao estar ubicados en construcións moi antigas.

Dende o goberno local do BNG de Melide informouse detalladamente aos clubs sobre os investimentos realizados na instalación deportiva nos últimos tres anos, e que superan os 100.000 euros. Estes investimentos concretáronse na reforma integral dos dous vestiarios existentes (35.000 euros), na construción de dous novos na parte alta, por un importe de 31.000 euros; e un dos máis demandados nos últimos anos, a completa renovación da rede de subministro de auga quente, na que se investiron 25.000 euros o ano pasado. Lembrar que o anterior sistema de producción de auga quente constaba só de dous quentadores alimentados por bombonas de propano, situadas nun recinto anexo aos vestiarios e insuficiente para os deportistas. Para solucionar ese problema, instalouse un sistema de producción de auga quente sanitaria mediante enerxía renovable (aerotermia). Ademais, no último ano o goberno local do BNG dotou tamén aos vestiarios de novo mobiliario (bancos, percheiros e 52 taquillas individuais), que completaron a achega municipal nesta instalación.

Precisamente nalgún deste mobiliario rexístranse con frecuencia desperfectos (rotura de asentos, portas levantadas e golpeadas, pechos rotos...) que dende os dous clubs de Melide xustificaron como causadas polo mal uso da instalación e polo escaso tino e coidado de algúns dos seus usuarios e que insistirán en concienciar aos máis novos na necesidade de coidar a instalación. Tanto Cire como Atlético de Melide confirmáronlle ao Concello que a instalación do campo de fútbol nos tres últimos anos rexistrou unha mellora moi considerable en canto a infraestrutura, e que no caso concreto dos vestiarios a calidade do espazo, amais de duplicarse, mudou por completo.

 Cire e o Atlético de Melide concordaron en que os desperfectos ocasionados non se deben a un problema de obra nin de falta de investimentos, senón ao mal uso da instalación e ao pouco coidado que teñen moitos dos usuarios e que pedirán aos rapaces e mozos das diferentes categorías de cada club que colaboren no coidado das instalacións, unha colaboración que tamén solicitou o Concello.

Por outra parte, nestes momentos rexistráronse tamén, e de xeito puntual, uns problemas relacionados coa humidade das paredes dos novos vestiarios. Dende o goberno local do BNG de Melide fíxose referencia a que a estrutura das gradas e vestiarios ten preto de 40 anos e foron construídas só con bloques, e polo tanto deben ser constantes as melloras e reparacións para subsanar estes problemas de humidade que se detectan nos vestiarios dende a súa creación. 

Socorro Cea e Antonio Varela amosáronse “moi satisfeitos polo traballo realizado polo equipo de goberno no campo de fútbol nos últimos anos, e que en palabras dos propios equipos –na reunión mantida o martes-  “transformou os vestiarios e duchas do campo nunha instalación digna”, e lembraron que “O Goberno Local do BNG e clubs están en permanente contacto ante calquera incidencia que poida rexistrase nas instalacións deportivas”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]