ANTÓN BAO AFIRMA QUE OROZCO “ANDA AGOCHADO ULTIMAMENTE TENTANDO ESCAPARLLE AO XULGADO” E ACUSA A JAIME CASTIÑEIRA DE “VOTAR NO PARLAMENTO GALEGO EN CONTRA DOS INTERESES DE LUGO”

O Plan Xeral que PP e PSOE queren aprobar o día 30 ten “moitas sombras” e vai converterse “nun problema para a cidade”
Lugo, 23 de decembro de 2010. O cabeza de lista do BNG á Alcaldía reclama da Consellería de Sanidade que se pronuncie sobre os novos
usos para o edificio do vello hospital para que non se convuirtan “nunhas instalacións pantasma”.

O candidato do Bloque afirma que o Plan Xeral que PP e PSOE queren aprobar o día 30 ten “moitas sombras”
e vai converterse “nun problema para a cidade”

O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía de Lugo, Antón Bao, fixo hoxe un balance político da situación da cidade e dos feitos máis importantes acontecidos en Lugo ao longo do 2010. A poucos días de que remate o ano, Bao admitíu que o debate político está xa moi condicionado pola cercanía das eleccións municipais do vindeiro ano e acusou aos seus contrincantes, o candidato do PSOE, José Clemente López Orozco, e o candidato do PP, Jaime Castiñeira, de ter “unha axenda oculta común” centrada en aprobar canto antes o Plan Xeral de Ordenación municipal. 

Bao criticou o “acordo tácito” do PP e o PSOE para aprobar antes de que cheguen as eleccións o Plan Xeral e “sacarse o morto de enriba ocultándollo aos cidadáns”. O cabeza de lista do BNG dixo que “os veciños e veciñas teñen dereito a coñecelo” porque, dixo, o PXOM é “o documento urbanístico máis importante dos vindeiros 20 ou 30 anos”. Antón Bao afirmou ademais que este Plan Xeral que PP e PSOE pretenden aprobar o vindeiro día 30 ten “moitas sombras” e está marcado “polas numerosas causas xudiciais abertas neste momento por asuntos relacionados co urbanismo en Lugo”.

Antón Bao chamou a atención tamén sobre o feito de que este Plan Xeral leve 13 anos en tramitación (o primeiro contrato coa empresa redactora é do ano 1997) e xa se leven gastado nel máis de 800.0000 euros. “Sen embargo -dixo- este Plan Xeral non se vai converter nunha solución para Lugo, senón nun problema” e preguntouse unha vez máis “se nada teñen que ocultar PP e PSOE, por que non deixarlle ver o Plan aos cidadáns?”.

O silencio da Consellería de Sanidade sobre o vello hospital

O segundo dos acontecementos deste ano 2010 aos que se referíu Antón Bao foi a apertura do novo hospital. O cabeza de lista do BNG lembrou que as obras duraron 10 anos e comparouno co novo hospital de Vigo, que está previsto que estexa en funcionamento en 3 anos. Bao reclamou unha vez máis que o novo hospital de Lugo se dote de todos os servizos necesarios, cos que non conta neste momento, para evitar que os cidadáns teñan que seguir “emigrando” a outras cidades galegas como Santiago ou A Coruña para curar as súas doenzas.

O candidato do BNG criticou tamén o “centralismo sanitario” aplicado pola Consellería de Sanidade para reducir custos e dixo que “non ten lóxica ningunha que para facer unha simple radiografía haxa que ir ao novo hospital”. Neste sentido, criticou o traslado do Centro de Especialidades da Praza de Ferrol e volveu a reclamar a construción dun Centro de Diagnose de Alta Resolución neste espazo.

Ao mesmo tempo, Bao fixo referencia a que agora, unha vez aberto o novo hospital, queda pendente unha segunda fase, que é a da reorganización sanitaria na área de Lugo tendo en conta os edificios que van quedar baleiros. Neste sentido, pronunciouse a favor de que os terreos do vello hospital se destinen a un centro asistencial para persoas maiores e demandou da Consellería de Sanidade un pronunciamento sobre os usos previstos para as instalacións do vello hospital Xeral.

Ás portas das eleccións municipais

Antón Bao referiuse tamén á proximidade das eleccións municipais e criticou a actitude que están a ter os candidatos do PP e do PSOE nesta precampaña. De Orozco Antón Bao dixo que “anda agochado tentando escaparlle ao Xulgado nas numerosas causas xudiciais abertas por cuestións de urbanismo”. A Jaime Castiñeira, acusouno de “cinismo político” porque “cando vai a Santiago vota en contra dos intereses de Lugo”.

Bao explicou que o BNG presentou no Parlamento galego varias emendas aos Orzamentos da Xunta pedindo melloras para Lugo, como unha partida de 3 millóns de euros para a apertura do novo hospital, 4 millóns de euros para fomentar a creación de emprego e 1,5 millóns de euros para apoiar ás familias que teñen que realizar as Inspeccións Técnicas de Edificios nas súas vivendas, e o cabeza de lista do Partido Popular á Alcaldía de Lugo, que é diputado, votou en contra, reprochoulle Antón Bao.

Crise económica e desemprego

Dentro do balance político do ano feito hoxe por Antón Bao tamén se referíu á situación de crise económica e ao feito de que a provincia de Lugo estexa a encabezar neste momento as estatísticas en canto a aumento do paro. Bao dixo que mentras isto ocorre, a Xunta do Partido Popular dedícase a “laiarse e botarlle a culpa aos demais, sen tomar ningunha medida ao respecto”. Neste sentido, Bao criticou a política que está a levar a cabo o Goberno de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, caracterizada por “recortes drásticos nos servizos sociais e privatizacións encubertas de dereitos como a sanidade ou a educación”. Puxo ademais como exemplo da política do PP na Xunta a Lei de Augas, “un intento de facer caixa a conta da xente”, dixo, e calificou de “despropósito” o intento de cobrar aos veciños da zona rural polos seus pozos e traídas.

Antón Bao censurou tamén a política económica do Goberno central, con medidas “totalmente contraproducentes” destinadas a “contentar aos mercados” pero que “perxudican á clase traballadora”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]